O luns comeza unha escavación arqueolóxica no Courel
O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do grupo de investigación EST-AP do Instituto de Historia (IH) do Centro de Ciencias Humanas e Sociais (CCHS), colaborarán nunha escavación arqueolóxica no Castro Monte Cido, no Courel, que comezará o luns. Trátase da primeira vez que se realiza unha campaña neste espazo e o obxectivo é entender as formas de poboamento nas serras orientais galegas na transición da Idade de Ferro ao comezo da dominación romana.
A actuación xorde por iniciativa da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel e da Asociación Cultural San Xoán de Seoane do Coruel e conta tamén coa implicación do Concello de Folgoso do Courel.
“O castro Monte Cido nunca foi obxecto dunha escavación arqueolóxica, pero hai evidencias de que del procede a táboa de hospitalidade do Courel e a aguia de Carbedo, unha das principais testemuñas do paso das lexións de Roma polos montes orientais de Lugo”, explica Brais X. Currás, investigador do IH e director do proxecto de escavación. Para o desenvolvemento desta escavación cóntase coa codirección de Luís F. López González, da empresa Terra Arqueos S. L., autor dunha tese doutoral sobre o poboamento antigo nas montañas do Courel.
O obxectivo da intervención é comprender as formas de poboamento nas serras orientais galegas na transición da Idade de Ferro ao comezo da dominación romana, incorporando a explotación do ouro como vector determinante. Ademais, búscase indagar na súa cronoloxía, a súa función dentro do poboamento das montañas do Courel, a súa relación coa estrutura do territorio e a explotación do ouro e cal era o hábitat que albergaba.