O lume entra con forza na Ribeira Sacra lucense con varios focos activos

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O incendio do municipio ourensán de Larouco avanza pola comarca de Quiroga e ameaza os montes do Courel
incendios-ourense
17 Aug 2025

O incendio iniciado en Larouco (Ourense) cruzou nestes días cara á provincia de Lugo e xa afecta a varios puntos do municipio de Quiroga. Durante a noite do venres, as lapas avanzaron con rapidez desde os montes de Cereixido ata a parroquia de Montefurado, e este sábado continuaron o seu avance cara a Vilarmel, Rugando, A Enciñeira e Vilar de Mondelo.

Ante o risco, parte da poboación foi evacuada de maneira preventiva e aloxada temporalmente no pavillón e no albergue municipal de Quiroga, onde recibiron asistencia.

O Concello alerta de que o fronte “progresa con moita forza” e sinalou que todos os medios dispoñibles están traballando na zona. Pediuse aos veciños das aldeas próximas que permanezan nas súas casas con portas e xanelas pechadas, mentres que aqueles que o necesiten poden refuxiarse nas instalacións municipais habilitadas.

Ademais, permanece activo desde as 15.00 horas un incendio forestal no concello lucense do Saviñao, parroquia de Chave, que segundo as últimas estimacións supera as 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 3 axentes, 7 brigadas, 7 motobombas, 3 helicópteros e 2 avións.

⚙ Configurar cookies
0.16978120803833