O lume de Quiroga avanza cara os montes de Bendilló, Vilar de Mondelo, San Martiño, Vilarmiel e Montouto

O incendio que afecta ás montañas do Xeoparque Montañas do Courel desde o venres continúa activo na súa cuarta xornada. O lume, iniciado o pasado mércores na parroquia de Seadur, no concello de Larouco, avanzou con forza ata entrar en territorio de Quiroga pola zona de Cereixido.
Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada nos concellos de Larouco, Petín, Quiroga, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá e O Barco de Valdeorras ascende xa a 15.000 hectáreas.
Dende o Concello de Quiroga sinalan que, aínda que as lapas seguen activas e avanzan cara os montes de Bendilló, Vilar de Mondelo, San Martiño, Vilarmiel e Montouto, non existe polo momento perigo inminente para ningún núcleo de poboación.
A chegada de novos medios aéreos e efectivos terrestres ao longo da mañá, xunto co descenso das temperaturas durante a noite e primeiras horas do día, supuxo un alivio para o dispositivo de extinción e para os veciños que colaboran nos traballos.
Dende o Concello destacan a colaboración da ONG World Central Kitchen do afamado chef José Andrés, cuxo obxetivo é levar comidas aos traballadores e voluntarios que colaboran na extinción dos lumes.