O Korbis proclámase campión galego de voleibol xuvenil

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O conxunto monfortino impúxose ao CV Vigo e logra o pase ao Campionato de España de Clubs, onde representará a Galicia na súa categoría
korbis-campion-gaalego-volei
30 Mar 2026

O equipo monfortino Korbis Lambetadas proclamouse este domingo campión galego de voleibol xuvenil tras impoñerse nunha final moi disputada celebrada no Pavillón Polideportivo da Pinguela, en Monforte de Lemos.

O conxunto local enfrontouse ao CV Vigo nun encontro emocionante que se resolveu no quinto set, despois de que ambos equipos superasen previamente as súas respectivas semifinais fronte ao Arenal Emeve Lugo e ao CV Oleiros. Coa vitoria, o Korbis Lambetadas consegue tamén o pase ao Campionato de España de Clubs, onde representará a Galicia na súa categoría.

Ao remate do encontro, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, foi o encargado de entregar o trofeo ao equipo campión. Ademais, tamén se recoñeceu ao xogador máis destacado do torneo, recaendo o galardón de MVP en Izan Rodríguez Beltrán, integrante do Korbis.

A clasificación final do campionato quedou encabezada polo Korbis Lambetadas, seguido do CV Vigo en segunda posición, mentres que o Arenal Emeve Lugo e o CV Oleiros ocuparon o terceiro e cuarto posto, respectivamente.

Monforte converteuse durante toda a fin de semana no epicentro do voleibol galego ao acoller as finais do Campionato Galego Xuvenil, tanto en categoría masculina como feminina. Na xornada do sábado disputouse a final feminina, na que o título foi para o Arenal Emeve Lugo.

0.1378071308136