O Incio será a administración promotora dun novo obradoiro dual de emprego centrado na silvicultura
O Concello do Incio será este ano a administración promotora dun novo obradoiro dual de emprego para os Concellos do Incio, Bóveda e A Pobra do Brollón.
Na reunión celebrada esta semana participaron os alcaldes Xosé Lois Maceda (A Pobra do Brollón), José Manuel Arias (Bóveda) e Héctor Corujo (O Incio), así como a directora do obradoiro, Verónica Quintela; na que o obxectivo foi avanzar na tramitación dun novo obradoiro por parte da Xunta de Galicia.
Ao igual que o obradoiro actual, no que están a participar 20 alumnos cunha duración de 12 meses, a formación vai estar centrada na silvicultura e na recuperación de zonas verdes dos tres municipios. A maiores, explica Héctor Corujo, o Concello do Incio, que este ano será o promotor da iniciativa, “incluirá ademais a recuperación de elementos patrimoniais, como lavadoiros, a través de persoal municipal”.
Así, explica que o "traballo do persoal do obradoiro estará centrado en recuperar e manter zonas verdes de titularidade municipal, así como no mantemento de rutas de sendeirismo nos tres municipios implicados”, abunda o rexedor.
O obradoiro de emprego realízase grazas a unha subvención da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, co obxectivo de que persoas traballadoras desempregadas reciban cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo de utilidade pública ou interese social.
Ao remate, os participantes recibirán un certificado de profesionalidade na especialidade de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría, complementado cun módulo formativo en operacións auxiliares en tratamentos silvícolas.