O incendio en Larouco alcanza Quiroga e obriga a desaloxos preventivos

O incendio forestal que desde hai varios días permanece activo na parroquia de Seadur, no concello de Larouco (Ourense), propagouse na noite do venres con rapidez cara ao municipio de Quiroga a través dos montes de Cereixido. En poucas horas, as lapas alcanzaron a parroquia de Montefurado e estendéronse hoxe cara a Vilarmel, Rugando, A Enciñeira e Vilar de Mondelo.
A rápida expansión do lume obrigou a desaloxar de forma preventiva e voluntaria a varios veciños, que durante a noite do venres foron atendidos no albergue e no pavillón municipal, recibindo asistencia do Concello de Quiroga.
Desde o goberno municipal explicaron que o incendio avanza con moita forza e que se están a mobilizar todos os medios dispoñibles para facerlle fronte. As lapas están achegándose ás zonas de Bendollo, Vilar de Mondelo e Rugando, e os veciños destas áreas que desexen refuxiarse da intensa fumareda poden facelo no pavillón e no albergue municipal. O resto da poboación pregáselle que permaneza no interior das súas vivendas coas portas e fiestras pechadas.
O alcalde, concelleiros, policía local e membros do exército achegáronse ás zonas máis afectadas para falar cos veciños e ofrecer toda a axuda necesaria. Para calquera consulta ou urxencia, os números dispoñibles son 649 81 90 52 e 636 69 35 00.