O incendio de Chandrexa de Queixa obriga a evacuar a Estación de Montaña de Manzaneda

O incendio continúa arrasando o Macizo Central ourensán e xa obrigou á evacuación dos nenos, nenas e monitores do campamento que se estaba a desenvolver na Estación de Montaña de Manzaneda, onde as chamas chegaron este venres e arrasan xa gran parte da superficie da estación.
Os participantes do campamento estiveron confinados durante a noite e están a ser trasladados ao Complexo Deportivo de Monterrei, no Pereiro de Aguiar, onde se prevé a súa chegada ao longo do día de hoxe.
As chamas continúan fóra de control e as tarefas de extinción complican pola complexidade do terreo. Na Serra de Queixa hai xa unhas 5.000 hectáreas afectadas e o lume continúa expandíndose ante a adversa situación climatolóxica, con temperaturas moi elevadas e vento.
Hai dous focos activos: un en Parafita, que queimou xa 500 hectáreas e afecta a Manzaneda e varios puntos de A Pobra de Trives, e outro en Requeixo, con 4.500 hectáreas afectadas que xa penetran no Parque Natural do Invernadoiro. Trátase do incendio máis grande rexistrado en Galicia este ano e xa supera a superficie queimada no territorio o ano pasado.
Preocupa tamén que o lume activo en Maceda, que afecta á Serra de San Mamede, poida xuntarse co foco de Requeixo.
Desde os concellos afectados, así como desde a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e a Subdelegación do Goberno, fan un chamamento a extremar as precaucións ante a perigosidade destes incendios, especialmente virulentos, que se atopan perigosamente preto dos núcleos de poboación.