O III Encontro Raizames regresa do 23 ao 25 de maio a Taboada

RibeiraSacraXa
A Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada organiza un ano máis este encontro que procura poñer en valor o importante legado da cultura do viño da Ribeira Sacra
raizame-taboada
3 May 2025

A terceira edición de Raizames, o Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, regresa a Taboada do 23 ao 25 de maio.

Serán tres xornadas nas que os e as participantes poderán topar un escaparate onde degustar os mellores viños da Ribeira Sacra, conversar en primeira persoa coas veciñas que coas súas mans traballan as ribeiras, gozar de catas degustacións e brindes e manter encontros con profesionais do sector do viño. Ademais, o programa incluirá roteiros e percorridos polo territorio, paseos guiados entre as viñas, música e arte.

Raizames naceu en 2023 grazas á Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (ACIMTA), que leva tres anos organizando este evento, co obxectivo de poñer en valor o importante legado da cultura do viño da Ribeira Sacra.

Trátase dunha proposta diferenciadora dentro do contexto das festas e feiras do viño, achegando un modelo que procura a responsabilidade coa contorna, no que prima a calidade sobre a cantidade, que fuxe de aglomeracións ou impactos desmedidos, que se materializa baixo unha diversificada programación cultural: faladoiros, paneis de experiencias, videoforums, roteiro, encontro de adegas da zona, encontro de mulleres do sector, viños contados por voces expertas e numerosas intervencións artísticas.

A programación está dirixida a todo tipo de públicos e constitúe Taboada como epicentro de confluencia entre habitantes e foráneos, entre profesionais do sector do viño e afeccionados, entre a mocidade e a xente vella, entre produtores e consumidores.

⚙ Configurar cookies
0.16756892204285