O II Filandón das Rapatoxas terá lugar este sábado con diversas actividades
A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel organiza o II Filandón das Rapatoxas, que se vai celebrar en Vilamor do Courel o sábado 30 de setembro coa finalidade de pór en valor a labor do voluntariado xestionado pola coordinadora autoorganizada das aldeas que leva traballando en todas as frontes para borrar a pegada do lume.
Nesta xornada, combinarase o lecer das tradicións ligadas a vida rural da Serra do Courel co traballo do voluntariado a partir das 10.30 horas co obradoiro ‘Crear comunidade’ que imparte Rexenerando S.Coop.Galega.
Á mesma hora haberá unha acción para eliminar piñeiros e mimosas no monte comunal e ás 13.30 horas farase entrega do premio colectivo á veciñanza do Courel pola súa reacción ante os lumes, que correrá a cargo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).
A partir das 16.30 horas, a Cooperativa Outonía encargarase de impartir un obradoiro de superación do trauma despois dos lumes. A xornada rematará con música a cargo de Col&flor a partir das 19.00 horas.
No marco destas actividades, a Asociación ultima a elaboración dun mural colaborativo a partir de material e técnicas vernáculos, o cal e o cintado/esgrafiado, cun deseño contemporáneo no palco da música de Vilamor. Este traballo será supervisado pola artista Caropla Carrot, aínda que se executará de xeito colaborativo e preténdese que sexa un símbolo do novo Courel tras a vaga de lumes que afectou a serra no verán de 2022.
A iniciativa forma parte das accións levadas a cabo pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel e conta coa financiación coa área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.