O IES Lama das Quendas acolle a mostra ‘Galegoza’

RibeiraSacraXa
A exposición fai un percorrido histórico pola música en galego desde os anos sesenta ata a revolución creativa actual
mostra-galegoza-lama-das-quendas-chantada
Inauguración da exposición 'Galegoza' no IES Lama das Quendas
24 Jan 2025

O IES Lama das Quendas de Chantada acolle desde hoxe a mostra Galegoza. A canción en galego, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para dar a coñecer ao público máis novo a amplísima oferta musical no noso idioma.

A deputada de Cultura Iria Castro participou este mediodía na inauguración da exposición na que o comisario e crítico musical Pepe Cunha repasou co alumnado de 4 de ESO os contidos dos paneis, un percorrido histórico pola música en galego desde os anos sesenta ata a revolución creativa actual, a través das bandas e solistas máis influentes en diferentes estilos, como ritmos tradicionais revisados e actualizados, pop, rock, canción de autoría, experimentación e electrónica, músicas urbanas, hip hop ou rap.

Iria Castro animou ás alumnas e alumnos "a escoitar as listas de reprodución que acompañan a exposición con temas de todos os estilos musicais que demostran que o galego non ten límites" e lembrou "o papel que Chantada tivo para a música en galego como berce do Movemento Bravú e proxectos como o Castañazo, que desde o inicio apoiaron as bandas de música en galego"

A mostra estreouse o pasado 9 de outubro no IES Xograr Afonso de Sarria e, nas últimas semanas, estivo no IES Pedregal de Irimia de Meira, no IES Lucus Augusti, no IES Río Cabe de Monforte e no IES de Quiroga.

0.13359808921814