O IES Francisco Daviña Rey de Monforte celebrou este xoves a II Feira de Formación Profesional

RibeiraSacraXa
Dende o Concello poñen en valor esta inciativa ofrece ao alumnado de ESO e Primaria unha oportunidade para coñecer as múltiples posibilidades de formación que ofrece a FP
feira-fp-daviña-rey-monforte
6 Feb 2026

Este xoves tivo lugar a II Feira de Formación Profesional organizada polo IES Francisco Daviña Rey, un evento que busca achegar aos máis novos unha visión ampla sobre as distintas especialidades e posibilidades que ofrece a FP. A feira inclúe unha exposición de traballos realizados polo alumnado, que permite valorar a aplicación práctica dos coñecementos adquiridos nas diferentes modalidades impartidas no instituto.

A Tenente Alcalde, Gloria Prada, asistiu ao evento e participou activamente en varias das actividades programadas segundo as distintas familias profesionais. Durante a súa visita, Prada puido experimentar vivencias relacionadas co coidado de persoas maiores, dependentes ou con discapacidade física e visual, coñecendo ademais o material dunha escola infantil e mesmo realizando unha simulación de analíticas. Tamén colaborou nunha consulta odontolóxica simulada e participou na demostración dunha reanimación cardiopulmonar e da manobra de Heimlich.

No percorrido polo centro, visitou unha instalación de vivenda domótica, xogou cunha máquina de videoxogos fabricada polo alumnado e achegouse ao traballo das seccións de mantemento de vehículos e electromecánica.

Acompañada pola directora do instituto, Raquel Aira, a Tenente Alcalde destacou “a boa acollida desta feira” e resaltou que esta iniciativa “ofrece ao alumnado de ESO e Primaria da contorna unha oportunidade para coñecer as múltiples posibilidades de formación que ofrece a FP e as súas saídas laborais”.

Esta feira, que celebra a súa segunda edición tras implantarse o curso pasado, reafirma o compromiso do centro por promover a formación práctica e preparar aos estudantes para o futuro laboral.

⚙ Configurar cookies
0.07691216468811