O IES A Pinguela reforza as súas relacións con programas formativos en Italia e Portugal

Sete alumnos de Ciclos Formativos do IES A Pinguela están a realizar estadías Erasmus+ en Portugal e Italia, onde desenvolven prácticas profesionais que complementan a súa formación académica.
No caso de Portugal, o programa lévase a cabo en colaboración co AEDAH Agrupamento de Escolas D. Afonso Henriques, en Vila das Aves (Guimarães). Pola súa parte, en Italia o alumnado realiza a súa estadía nun centro de estética en Roma. Os estudantes pertencen ás especialidades de Confección e Moda e de Contabilidade e Administración.
O vicedirector do centro portugués, Paulo Costa, destacou o valor desta experiencia e sinalou que “van vivir unha experiencia inesquecible de prácticas profesionais en Vila das Aves. Esta oportunidade é froito da colaboración entre o AEDAH e o IES A Pinguela (Lugo), promovendo intercambios que van moito máis alá da aula: aquí constrúense competencias, autonomía e experiencias de vida únicas. Os alumnos pertencen aos ciclos de Confección e Moda e de Contabilidade e Administración, e foron recibidos e incorporados a esta nova etapa, na que realizarán prácticas durante os próximos tres meses”.
Así mesmo, quixo agradecer a implicación das empresas colaboradoras: “Un agradecemento especial ás empresas que fixeron isto posible: Clube das Artes – Costura, Peter Milk Moda, Caprii Moda, Nina Mirra – Costura, Castro&Castro Contabilidade, SempreOn Contabilidade, Agência Valdemar e Casa de Agrêllo Turismo”.
O responsable educativo subliñou tamén o carácter bidireccional do programa, avanzando que “pronto será a quenda dos nosos alumnos de viaxar a España, levando consigo talento, ambición e ganas de aprender. Máis que unhas prácticas, é unha experiencia internacional que marca o futuro”.
Estas mobilidades forman parte do programa Erasmus+, que permite ao alumnado adquirir experiencia internacional e mellorar tanto as súas competencias profesionais como persoais.