O IES A Pinguela entrega os premios e recoñecemento aos mellores expedientes
O alumnado do IES A Pinguela que obtivo unha media superior a 9 neste curso 2023/2024 recibiu, como todos os anos, unha matrícula de coche co seu nome que os afirma como sobresaíntes. Este ano ascenden a 67 e están en todos os niveis educativos, o que supón unha media do 15% do alumnado do instituto con cualificacións excelentes. Foi un acto entrañable que supuxo rematar o curso de vez e poñerlle a proa ó verán e a un merecido descanso.
Entregáronse tamén diplomas ós mellores expedientes de cada etapa educativa. En 1º e 2º de ESO foi para Claudia Blanco Buján, de 3º e 4º ESO correspondeu a Blanca González Rodríguez e de Bacharelato a Eva Martínez López.
En FP Básica o mellor expediente foi para Gisela Fernández Rodríguez e Vianllely Mejía Núñez. Nos ciclos medios de FP quedou por diante Mónica Gamallo Torres, alumna de Confección e Moda, e nos ciclos superiores de FP, Ainoa Vázquez Rodríguez, de Administración e Finanzas.
O equipo de orientación entregou un premio ó esforzo académico a Jorge González, Alejandro Díaz, Luis Leyva e Hugo Tourón.
Entregáronse tamén mencións ó alumnado de 1º e 2º ESO que participou no Programa de Mellora da Excelencia en Matemáticas: Iria, Carlota, Hugo, Manuel, Claudia, Carla, Daniela e Raúl.
Queda pendente para setembro a entrega de matrículas ó alumnado de FP dual, que neste momento se atopa realizando a súa estancia nas correspondentes empresas.
Coma todos os anos, recibiron un premio especial do IES A Pinguela os 7 alumnos que na fase xeral das ABAU conseguiron máis dun 9 e que foron María Martín Rodríguez, Eva Martínez López, Gabriela Corral Castro, Sara González Fernández, Nuria Martínez Pulido, Juan Rodríguez Carballo e Julia Pérez Pérez.
"Felicitámolos sobre todo polo traballo desenvolto durante estos 2 anos de bacharelato, o que non lles impediu unha permanente colaboración coas actividades no instituto. Tamén porque teñen unhas cualificacións importantes na parte voluntaria que lles permitirá realizar o seu soño universitario", din desde o centro.
"No IES A Pinguela estamos orgullosos do resultado das ABAU tamén en 2024 e desta promoción de 2º de Bacharelato que nos confiou a súa formación postobrigatoria. Dos 42 alumnos/as que superaron as probas (96% de aprobados), sumando as materias específicas, 14 alumnos superan o 12 (a terceira parte dos presentados), dos que 3 están amplamente por encima do 13, o que permite visualizar o esforzo desenvolvido durante estes dous anos", din.
"Todo iso nos sinala coma un centro dinámico e cheo traballo académico e de actividades creativas durante o ano escolar, polo que os felicitamos a todos!", conclúen.