O IES A Pinguela clasifícase para a final do Parlamento Xove
Un equipo de alumnas do IES A Pinguela vén de clasificarse para a fase final da competición de debate 'Parlamento Xove', no nivel de ESO. O grupo, formado polas estudantes Eva, Aldara, Gabriela e Area, de 3º da ESO, foi o vencedor dos tres debates que xiraron en torno ao tema 'Debería un estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?'.
As representantes do instituto monfortino tiveron que defender a postura do si en dúas ocasións, e a do non noutra, demostrando unha preparación moi sólida en ambas as dúas posicións.
O IES A Pinguela felicítaas polo traballo realizado durante a fase clasificatoria e augúralles tamén "un excelente resultado" na fase final, onde terán que debater con outros sete equipos no Parlamento galego. Entre os oito grupos clasificados para a fase final figura outro da provincia, o CPR Maristas Inmaculada de Lugo.
A COMPETICIÓN
Parlamento Xove é unha competición na que os diversos equipos inscritos investigan e debaten sobre un tema formulado pola organización. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procédese ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada.
O obxectivo deste programa, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, é potenciar as habilidades individuais e en grupo, entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Así mesmo, Parlamento Xove fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.