O IES A Pinguela acolleu a fase galega dun proxecto educativo sobre diversidade medioambiental

RibeiraSacraXa
O alumnado de 3º da ESO do centro, xunto cos institutos Leopoldo Queipo de Melilla e Valle del Segura de Blanca de Murcia, participaron nesta actividade de aprendizaxe e convivencia
alumnado-ies-a-pinguela-malaga-murcia
2 Dec 2025

A pasada semana, o IES A Pinguela organizou a fase galega da Agrupación de Centros Educativos promovida polo Ministerio de Educación baixo o título “Diversidade medioambiental como ferramenta educativa para a educación ecosostible nos centros educativos das nosas comunidades/cidades autónomas”. Nesta edición participaron alumnado de 3º da ESO xunto cos institutos Leopoldo Queipo de Melilla e Valle del Segura de Blanca (Murcia).

Durante varios días, estudantes e profesorado compartiron experiencias e actividades nunha xornada de convivencia e aprendizaxe. Os visitantes tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións do IES A Pinguela, incluído o seu Planetario Matías Vázquez, así como a zona monumental de Monforte de Lemos, a adega Regina Viarum en Doade (Sober) e o Museo do Ferrocarril de Galicia.

Ademais, realizaron un percorrido por Galicia visitando o Castro de San Cibrao de Lás, a cidade de Ourense e o encoro de Belesar, onde puideron coñecer as centrais hidroeléctricas Belesar I e II, actividade relacionada co proxecto de diversidade medioambiental. Tamén visitaron Santiago de Compostela.

En Lugo, o grupo foi recibido na Deputación Provincial polo seu presidente, José Tomé. Ademais, visitaron a Casa dos Mosaicos, testemuño do pasado romano da cidade, e percorreron a muralla bimilenaria.

A semana rematou no Grove cunha visita á ría de Arousa, onde puideron degustar a riqueza marisqueira da zona. Ademais, percorreron en catamarán a ruta dos mexillóns nas bateas e visitaron a cidade de Pontevedra.

⚙ Configurar cookies
0.077232122421265