O I Concurso de Carteis da Feira Guímara xa ten gañador

O cartel deseñado por Iago López, veciño de Fornelas, foi o gañador do I Concurso de Carteis da Feira Guímara, organizado con motivo desta celebración histórica. A proposta destaca pola súa representación da revolta guímara, con referencias directas á historia local e un claro coñecemento do espírito da feira.
O lema do cartel inspírase na figura de Lope de Ferreiros, acusado de instigar a sublevación veciñal contra o Conde de Lemos. Como castigo, cortáronlle un pé sen mediar xuízo, un episodio que forma parte do imaxinario colectivo desta festa.
En total presentáronse sete propostas ao certame. O segundo posto foi para unha obra asinada baixo o pseudónimo de ‘Sacho’, e o terceiro para a presentada como ‘Maruxa Castaña II’.
Desde a organización agradecen a participación e felicitan a Iago López, que recibirá un premio de 200 euros polo seu traballo. O cartel será a imaxe oficial da próxima edición da Feira Guímara.