O histórico reloxo da Torre de Trives volverá a funcionar despois de dez anos

Un icono de Trives, a súa Praza e Torre do Reloxo, son tamén o lugar escollido para celebrar, xa dende hai uns anos, as “Prebadaladas”, un evento co que adiantan o fin de ano ao día 29 e veciños e veciñas trivesas toman as uvas ó son das badaladas nesta praza da vila.
Mais a súa Torre, construida en 1928, derruída nos anos 60 e reedificada en 1995; conta cun tamén histórico reloxo que levaba máis de 10 anos sen funcionar de maneira ininterrompida. Dende o Concello quixeron recuperalo, polo que contactaron cunha empresa extremeña especializada en campás e reloxos que os derivou a unha compañía de Redondela, que finalmente foi a encargada do arranxo.
O reloxo estaba intacto, mais a súa maquinaria interna, precisa para o seu funcionamento, estaba queimada. “Probablemente foi un raio o que provocou que deixara de funcionar”, explica José Luis Vidal, concelleiro de Cultura de Trives, que tamén axudou nas labores de arranxo.
O vindeiro 29, coincidindo coas Prebadaladas, volverán soar as campás ao son do reloxo. Dende que finalizaron as tarefas de arranxo, hai apenas unha semana, o reloxo xa está en funcionamento, máis tan só parcialmente, xa que non está dando as horas como era de costume á espera de facer a “gran inauguración”coincidindo co evento que celebran na vila adiantándose ao Fin de Ano e no que numerosos veciños e veciñas se achegan á Praza para tomar as uvas. Será entón cando o histórico reloxo e tamén as súas campás (que datan de 1880) volvan funcionar como sempre o fixeron: marcando o devir do tempo en Trives.