O Grupo Provincial Popular denuncia o “lamentable” estado de mantemento das estradas
Os deputados do Grupo Provincial Popular seguen a revisar o “lamentable” estado de mantemento das estradas provinciais e nesta ocasión puideron ver como “é moi mellorable” o estado no que se atopa a LU-P-5809, ao seu paso polo Saviñao.
Os deputados populares, Antonio Ameijide e Luis Fernández, comprobaron o estado no que se atopa esta vía xunto ao alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, e varios concelleiros.
Esta estrada provincial conta cunha elevada densidade de circulación, conecta Escairón con Madredauga, “necesita dunha reparación urxente xa que ademais das fochancas que ten, hai moitos puntos nos que é moi estreita e dous vehículos teñen dificultades para pasar ao mesmo tempo”. Concretamente, ao seu paso pola parroquia de Santa Mariña de Rosende “vemos como o asfalto está moi danado, as fochancas son bastante grandes e nos extremos a estrada está a romperse”.
Dende o Grupo Provincial Popular ven fundamental “actuar canto antes para evitar que a situación empeore e que poida supoñer un perigo aínda maior para os condutores”; pero non sen antes “realizar correctamente os desbroces para garantir a seguridade e revisar todas as cunetas xa que hai moitos puntos nos que desapareceron e, nos que aínda son visibles, están cheas de terra e maleza”.