O grupo Por Chantada demanda novos colectores de lixo para o rural

RibeiraSacraXa
A forza política Por Chantada demanda a colocación de novos colectores de lixo para as zonais rurais do municipio
contenedor
20 sep 2022

Membros de Por Chantada avogan a colocación de novos colectores no rural, para que sexa posible realizar unha recollida selectiva dos residuos orgánicos e do plástico.

Tal e como afirman, “en cada parroquia debería situarse un colector de vidro mais outro de papel e cartón. Non parece moi de recibo ter que esixir algo tan elemental en pleno 2022 situando o noso rural moi por tras dos estándares mínimos europeos e supoñendo unha evidente discriminación”.

“É dunha irracionalidade manifesta andar colocando cubre-colectores na zona da ribeira mentres a recollida de lixo no rural acumula atrasos ou os colectores están rotos en moitos lugares ou son insuficientes para atender as necesidades da veciñanza. As prioridades racionais deberían ser outras, por non falar do dubidoso que é que se vaia dar un correcto mantemento á madeira destes elementos ao tempo que non existe a capacidade de manter limpos e en bo estado os propios colectores. Igualmente, resulta irrisorio o que entende a Xunta por mellora paisaxística en canto tolera ou mesma alenta toda unha panoplia de actuacións que son manifestas mostras de maltrato da paisaxe”, critican dende Por Chantada.

“Ao tempo, o crónico abandono das últimas décadas por parte dos sucesivos gobernos municipais de Manuel Lorenzo Varela (INTA e PP) supuxo que moitos núcleos rurais teñan os accesos e o pavimento totalmente deteriorado polo que supón outro hándicap para unhas aldeas que se baleiraron entre 2000-2022 a unha velocidade sen precedentes no século XX a pesar da maciza emigración” destacan os membros de Por Chantada.

Por Chantada solicita con carácter urxente que se substitúan colectores nas seguintes zonas: Pista A Sariña – Pincelo, Camporramiro, Vilaúxe (Andemil, San Vicente e Sabadón) e as pistas de Brandían - Terra Branca e Vilaver - A Torre, Brigos (Brigos de Arriba e Cuqueira) e a pista Brigos de arriba - Alto de Ramos, Santa Uxía de Asma (O Castro) e a pista Sitiós - O Solar, Laxe (Carballizos e Xoanín), San Xillao do Mato (Abral e Moreira), San Pedro de Viana (San Pedro e Axulfe), a pista Axulfe - San Pedro e a pavimentación do núcleo de San Pedro, Santa Cruz de Viana (Quintá de Vilameá, Santa Cruz e Vilameá) e as pistas Vilardamos-Burgás e Vilardamos - Santa Cruz cos accesos a Vilameá e Quintá.

0.084846019744873