O grupo Fulano, Mengano e Citano chega a Monforte coa súa función ‘O que hai que ver!’

O Edificio Multiusos de Monforte acolle este xoves, 23 de outubro, ás 20:15 horas, unha nova representación dentro do ciclo teatral organizado polo Concello de Monforte de Lemos no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Nesta ocasión, o público poderá gozar da comedia ‘O que hai que ver!’, a cargo do grupo Fulano, Mengano e Citano.
A peza, escrita por Manuel Pombal, Manuel Botana e Suso Pando, e dirixida tamén por Manuel Pombal, conta cun elenco formado por Marcos Alonso, Suso Pando e o propio Pombal. O espectáculo combina distintas historias nas que o público se sente parte da acción, sempre cun toque de humor que garante unha velada entretida e divertida.
As entradas teñen un prezo de 5 euros (tarifa xeral) e 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.
O ciclo de teatro, iniciado o pasado 9 de outubro coa obra “Guerra” de Teatro do Noroeste, continuará o 6 de novembro con “Un deus salvaxe” de Talía Teatro, o 27 de novembro con “Insubmisa” de Antagonista Teatro, e rematará o 4 de decembro coa peza “Helen Keller, a muller marabilla?” do Grupo Chévere.