O grupo de saxos Mezzo Quartet inaugurou o ciclo “Música no Outono” de Sober

RibeiraSacraXa
O ciclo, que pretende achegar a música en directo ao público local e apoiar o talento de distintas agrupacións, terá continuidade ao longo das vindeiras semanas
mezzo-quartet-musica-no-outono-sober
17 Nov 2025

O Concello de Sober e as Xuventudes Musicais do municipio inauguraron este sábado, 15 de novembro, o ciclo “Música no Outono”, cun concerto a cargo do grupo de saxos Mezzo Quartet
O concerto, titulado “Novas Resonancias”, contou cun gran éxito entre o público asistente, que desfutou da música de nova creación e o seu amplo abano de estilos e sonoridades. O programa incluiu obras de Xavier Pagés, Fazil Say, Daniel López Pradas, John Cage e Franco Donatoni, con pezas como Byoubu, Divorce Op. 29, Mirall Trencat, Four5 e Rasch.

Formado en 2017 no Conservatorio Profesional de Terrassa, Mezzo Quartet naceu da amizade e da paixón dos seus integrantes pola música de cámara. O grupo está composto por Gisela Dekort Mesalles (saxofón soprano), Juan David Toro Martín (saxofón alto), Pol Del Moral Vargas (saxofón tenor) e Pol Cabrera Praza (saxofón barítono).

O cuarteto procura divulgar tanto a música clásica como a contemporánea, ofrecendo unha mostra das posibilidades expresivas do saxofón. Ao longo da súa traxectoria, ten participado en festivais internacionais de referencia, como o Festival Internacional de Saxofóns de Palmela (FISP) en Portugal, e foi recoñecido con numerosos premios en concursos nacionais e internacionais.

Entre os galardóns máis destacados figuran o Primeiro Premio de Música de Cámara no IX Concurso Víctor Santos (Portugal, 2023), o Segundo Premio no Concurso Mocidades Musicais de España (2023), o Primeiro Premio no Concurso Josep Mirabent i Magrans (2023), e o Premio Extraordinario de Música de Cámara do Conservatorio Superior do Liceo (2022-2023). Ademais, acadaron o Primeiro Premio no concurso Tribuna Sax-Ensemble (Madrid, 2022) e outros recoñecementos en certames como o San Anastasi de Lleida (2019) e o Subimos ao Escenario de Sant Cugat del Vallès (2019).

O ciclo, que pretende achegar a música en directo ao público local e apoiar o talento de distintas agrupacións, terá continuidade ao longo das vindeiras semanas.

⚙ Configurar cookies
0.067864894866943