O grupo Bouba actuará na primeira foliada guímara do ano organizada polo Concello da Pobra do Brollón
A primeira foliada guímara do ano organizada polo Concello da Pobra do Brollón en colaboración cos veciños das distintas parroquias do municipio terá lugar esta tarde ás 20.00 horas.
Tras tres anos de ausencia debido á pandemia, celebrarase este evento no local social de Saa en colaboración coa asociación veciñal desta parroquia.
O evento comezará ás 20:00 h coa actuación de Bouba, un grupo de tocadoras e cantadoras que toman o legado musical da zona da Pontraga, concello de Tordoia, para "ser transmisoras da cultura do país e da festa ben feita", argumentan.
Para o concerto, van interpretar temas do seu último proxecto 'Termando dos marcos', centrándose no seu vertente máis festeiro e distendido.
Tras a actuación de Bouba, os veciños de Saa convidarán a un caldo, para o que piden aos asistentes ao evento levar cunca e culler.
Despois do caldo, un segundo pase de Bouba abrirá paso á foliada libre.