O Gran Camiño terminará a súa segunda etapa este venres en Chantada

RibeiraSacraXa
O Concello de Chantada será protagonista da segunda etapa da terceira edición do Gran Camiño que se celebra o 23 de febreiro cun percorrido de 151 km que comezará en Taboada e terá o punto e final en Chantada despois de que o pelotón faga o seu paso por Belesar en dúas ocasións.
Belesar Chantada
20 Feb 2024

O Concello de Chantada será protagonista da segunda etapa da terceira edición do Gran Camiño que se celebra o 23 de febreiro cun percorrido de 151 km que comezará en Taboada e terá o punto e final en Chantada despois de que o pelotón faga o seu paso por Belesar en dúas ocasións.

“Para nós é unha honra volver a formar parte do escenario desta competición despois da experiencia do pasado ano, e nesta ocasión farémolo como final de etapa. Nunha xornada na que o río Miño acompañará aos ciclistas en case todo o traxecto”, destaca o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

A realización da proba supón que na vila se produzan alteracións no tráfico e no aparcamento, polo que na rúa Xoán XXIII, final de etapa, está prohibido aparcar en ambas beiras entre a igrexa nova e a oficina de ABanca, desde as 20.00 do día 22.

O día 23, este treito de Xoán XXIII quedará cortado ao tráfico desde as 7.00 horas e no resto da rúa estará prohibido aparcar desde as 8.00 horas, quedando a rúa totalmente cortada desde as 14.00 horas. O final de etapa está previsto na rúa Xoán XXIII para as 17.00 horas e agárdase ter recuperada a normalidade na circulación a partir das 19.00 horas.

Ao redor das 16.00 horas o pelotón entrará en Chantada pola N-540 e dirixirase a Belesar pola LU-533 e desde Belesar subirá cara a San Pedro de Líncora. Despois das 16.20 horas entrará en Chantada pola Alameda Xavier Costa para facer un primeiro paso por meta na rúa Xoán XXIII. Logo o pelotón sairá pola Avenida de Monforte dirección O Seixo, San Lucas e Sobreira para volver pasar por Belesar e San Pedro de Líncora e chegar á meta pasadas as 17.00 horas.

Posta en valor do municipio de Chantada

“En Chantada contamos con algún dos treitos máis fermosos e emblemáticos do Camiño de Inverno e non podiamos deixar de formar parte dunha competición de tanta relevancia internacional que reivindica a importancia dos Caminos a Santiago. O paso dos ciclistas por Chantada permitirá coñecer a beleza e singularidade da Ribeira Sacra, a xoia da Galicia interior coa súas ribeiras con escaleiras cheas de vides, sempre na compaña dos ríos e dun patrimonio románico que crea paisaxes de conto”, asegura Lorenzo Varela.

O rexedor local convida á participación de veciños e veciñas de todas as idades nesta importante cita deportiva e agradece a posibilidade de ser protagonista deste etapa: “O noso agradecemento á organización e aos equipos e ciclistas participantes no Gran Camiño. Grazas por querer correr en Galicia e grazas pola oportunidade de amosar ao mundo as riquezas do noso territorio mentres ciclistas de altísimo nivel fan alarde das súas capacidades, do seu esforzo e da súa heroicidade entre as paisaxes da viticultura heroica”.

0.16223502159119