Comezado en Quiroga o Gold River Race
Xa deu comezo o Gold River Race Xacobeo 21-22, un maratón de piragüismo de 100 km de distancia que se converte, desta maneira, na proba máis longa da historia nesta especialidade.
Augasmestas, en Quiroga, foi o espazo no que se decidiu comezar este evento que finalizará na localidade portuguesa de Monçao. Está organizada polo Club Marítimo de Vigo e o Club de Piragüismo Olívico co apoio da Federación Galega, entre outros, e conta coa participación dalgúns dos máis destacados deportistas da modalidade. Nesta xornada percorren máis de 40 quilómetros, ata o embarcadoiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín).
Hai que destacar a presenza dalgún deportista coma Ivan Alonso, tres veces campión do mundo e cinco de Europa, e o seu compañeiro Joaquín Iglesias, actual campión de España. Así mesmo, tamén hai que resaltar a participación de Tania Fernández, bronce europeo e dous podios a nivel mundial, e Carmen Villar unha das novas promesas do piragüismo.