O Goberno local de Pantón defende a subida do IBI e critica a actitude da oposición

RibeiraSacraXa
O equipo de goberno do concello de Pantón di non entender que
Concello de Pantón
16 Nov 2023

O equipo de goberno do concello de Pantón di non entender que a oposición proteste por volver ao cobro do IBI "que tiñamos antes, e que non representa ningún prexuízo, xa que nos concellos nos que gobernan BNG e PSOE cóbrase un IBI superior ao que cobra Pantón", explica o alcalde, José Luis Álvarez.

A decisión de recuperar o plan impositivo do 2016 foi aprobaba no último pleno, e o rexedor explica que "daquela fíxose unha revisión catastral pola que se cobraron 4 anos con carácter retroactivo, polo que o equipo de goberno decidiu rebaixar o IBI ao 0,49 para non engadir máis cargas á veciñanza". Porén, sostén que as administracións locais "necesitan recadar cartos para poder desenvolver as súas funcións, dúas das vías para facelo son o IBI e a valoración catastral".

Ademais, explica que incluso subindo o IBI ao 0,55, "seguimos sendo o Concello da zona sur de Lugo que menos paga de IBI, tendo unha valoración catastral de 1989”, destaca o alcalde e insiste na volta a unha normalidade, despois de ter un IBI moi baixo.

Comparación con outros concellos

Por outra parte, quixo destacar que concellos como o de Sober "poden baixar a base impositiva porque teñen unha valoración catastral do 2020”. Por outra parte, A Pobra do Bollón, Monforte de Lemos, Ribas de Sil ou Quiroga teñen un IBI de máis do 0,60.

Por todo isto, di que lle sorprende "a falta de respecto que teñen os grupos da oposición cos alcaldes dos concellos da contorna onde están gobernando. Non vexo por que motivo se lle reclama a Pantón, cado seguimos sendo o concello co valor impositivo máis baixo. Non hai coherencia na oposición. Todos os concellos necesitan recadar sen perxudicar ás persoas”.

E destaca que despois destes anos en que a administración local recadou menos do habitual, "faise necesario nivelar as contas para axudar á economía do propio Concello", un incremento de 25 euros ao ano por veciño,

Por último, José Luis Álvarez pídelle ao PSOE que non se preocupe por un tema no que Pantón é o Concello que menos recada e lembra que “hai 2 anos que asinamos o convenio da residencia coa Deputación e aínda non sabemos nada. Se queren preocuparse polo Concello, ocúpense de solucionar estas cousas".

0.20090103149414