O Goberno local de Monforte protagonizou diversos eventos de Nadal este sábado
O Goberno local de Monforte protagonizou diferentes actos este sábado, entre os que destaca a participación do alcalde de Monforte, José Tomé Roca, no NadalPark que o Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte, que se celebra no pavillón do Colexio Ferroviario.
Por segundo ano consecutivo, o CCU preparou en Monforte de Lemos este Parque Infantil de Nadal os días 22, 23 e 24 de decembro, transformando o pavillón do Colexio Ferroviario nun escenario cheo de alegría e diversión. Na súa visita, o alcalde participou na chocolatada con doces que dende a organización se ofreceu a todos os asistentes.
O NadalPark conta cunha ampla gama de actividades para o goce dos máis pequenos e as súas familias, incluíndo inflables variados, talleres infantís, un touro mecánico e moitas outras sorpresas.
Outros actos
Por outra parte, o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, fixo entrega dos trofeos e medallas do 1º Torneo Solidario de Fútbol Sala, que se celebrou o sábado e terá lugar o vindeiro 30 de decembro no Pavillón polideportivo municipal de A Pinguela. Este torneo solidario está organizado pola sección de fútbol sala do Club Lemos e conta coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos.
Pola súa parte, o alcalde tamén asistiu ao concerto do grupo monfortino Doc Magoo’s, na rúa Cardeal, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, o concelleiros de Servizos, José Luis Losada, Cultura, Marina Doutón, e Consumo, Guillermo Díaz.
Estes concertos de Nadal de grupos monfortinos na rúa Cardeal foron unha novidade incorporada o pasado ano polo Concello á súa programación de Nadal, e tiveron unha grande aceptación e éxito de público, polo que este ano o equipo de Goberno decidiu volver a celebralos.
Estes concertos son ademais o colofón do Mercado de Nadal da Praza de Abastos, que se celebrou esta fin de semana, e terá continuidade o venres 29 e sábado 30. Deste xeito, o vindeiro sábado 30 actuarán, tamén ás 8 da tarde na rúa do Cardeal, os monfortinos Malenne.