Álvaro de Luna, Álex Ubago e Rozalén actuarán nas Festas Patronais de Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria, deu a coñecer o programa de concertos musicais das Festas Patronais que se van celebrar do 11 ao 16 de agosto de 2024.
Tal e como explicou o rexedor monfortino, “esta programación responde ao formato de Festas que vimos facendo dende que chegamos ao goberno municipal, centradas en ofrecer ós monfortinos e ás persoas que nos visiten unha ampla variedade musical e artística, para dar satisfacción a públicos moi diferentes tanto en idades como en gustos musicais, e que, as Festas de Monforte téñense convertido nun referente en Galicia, e por iso queremos seguir por este camiño de éxito para as nosas Festas”.
Tomé, na súa intervención, aproveitou para explicar que haberá 6 concertos principais, todos eles acompañados de orquestras que farán un previo e un posterior peche das actuacións tratando de que o horario musical con carácter xeral, se inicie ás 22.00-23.00 horas e o remate entorno ás 04.00 horas da madrugada.
Programa musical das Festas Patronais de Monforte 2024
O domingo, 11 de agosto, actuará na praza de España a cantante monfortina Rosa Cedrín e Nómada Trío, que acompañarán a artista monfortina, para abrir boca cun concerto de moita calidade.
O luns, pola súa parte, terá lugar o concerto da Orquestra Panorama, que iniciará a súa actuación ás 00.00 horas e ata as 02.00 horas para volver nun 2º pase ás 3.30 ata as 4.30 horas da madrugada. O mesmo día, actuará o Grupo América de Vigo, que compartirá a velada musical iniciando ás 22.30 horas a súa actuación e rematará ás 00.00 horas, volvendo a actuar tras o primeiro pase da Orquestra Panorama, de 2.00 a 3.30 horas. Neste caso, o alcalde recordou “que este grupo musical deixou xa en Monforte unha excelente impresión, e non me cabe dúbida, que con estas actuacións a Explanada quedarase pequena como ven ocorrendo nos últimos anos”.
Xa o día 13 de agosto terá lugar a actuación de Rozalén, que é unha das principais voces da nova canción de autor a nivel nacional e internacional. O seu concerto comezará 00.00 horas e rematará á 1.30 da madrugada. Ademais, tamén actuará este día a Orquestra Costa Dorada, complementando o concerto principal, entre as 23.00 e as 00.00 horas, e de 1.30 a 3.30 horas.
Pola súa parte, o mércores 14 de agosto terá lugar o concerto de Álex Ubago, que leva máis de 20 anos na industria musical e é un superventas dende o seu comezo. A súa actuación dará comezo ás 00.00 horas e rematará á 1.30 da madrugada. Acompañando a Álex Ubago, estarán dous grupos monfortinos, Cool Flanders e Malenne, que xa teñen demostrado a súa calidade musical e que están medrando cada ano. “Deste xeito, dende o Concello, un ano máis continuamos apostando con firmeza, dentro da programación das Festas Patronais, polo talento local, con dous grupos monfortinos que son dos máis destacados do noso Concello” salientou José Tomé. Cool Flanders actuará de 22.30 a 00.00 horas, antes de Álex Ubago e Malenne actuará de 1.30 a 3.30 horas.
O xoves, día 15 de agosto, estará en Monforte Álvaro de Luna, protagonizando o día grande das Festas Patronais, un artista sevillano que segue consolidándose no panorama musical español con as súas exitosas xiras e cancións que logran posicionarse entre as favoritas do público. Actuará entre as 12.30 horas, despois dos fogos artificiais no Castelo de S. Vicente, e ás 2.00 horas da madrugada. E tamén o fará a Orquestra Acordes, entre as 23.00 e as 00.00 horas, e de 2.00 a 4.00 da madrugada.
Por último, o venres 16 de agosto estará La La Love You, formado en Parla (Madrid), será o protagonista do concerto principal dese día actuando despois dos Fogos do Río, empezando ás 00.30 horas e finalizando ás 2.00 horas da madrugada. E tamén actuará a Orquestra Miramar, dende as 23.00 ata as 00.00 horas e dende as 2.00 ás 4.00 horas da madrugada.
O alcalde concluíu destacando que “dende o Equipo de Goberno, consideramos que é unha programación moi axeitada con concertos de primeiro nivel para seguir mantendo as Festas Patronais de Monforte como un dos referentes de Galicia esperando que sexan moitos os galegos e galegas que nos visiten atraídos pola calidade dos concertos de Monforte”.
O investimento na contratación dos artistas e grupos musicais deste ano 2024 alcanza os 360.000 euros.