O Goberno local de Monforte pide á Xunta que cumpra os compromisos adquiridos coa UMAD

RibeiraSacraXa

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, súmase as declaracións efectuadas polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela, nas que denuncia que a Xunta de Galicia empeora o convenio das Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia (UMAD) e sigue sen cumprir os compromisos adquiridos de cobertura de xubilacións e de asunción do persoal sanitario, por parte da Consellería de Sanidade.

13 abr 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, súmase as declaracións efectuadas polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela, nas que denuncia que a Xunta de Galicia empeora o convenio das Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia (UMAD) e sigue sen cumprir os compromisos adquiridos de cobertura de xubilacións e de asunción do persoal sanitario, por parte da Consellería de Sanidade.

Tras a reunión mantida o pasado 3 de abril en Santiago entre os trece concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia (UMAD) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), na que participou a tenente de alcalde, Gloria Prada, o Concello de Monforte rexeita a proposta recibida dende a Xunta de Galicia para renovar o convenio dirixido a cubrir os custos deste servizo por parte destes concellos, un rexeitamento que se acordou por parte dos concellos participantes na citada xuntanza.

Este rexeitamento presentouse na xuntanza da comisión de seguimento deste convenio mantida o 4 de abril entre representantes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e da Consellería de Sanidade, pola parte da Xunta de Galicia, e unha delegación da FEGAMP encabezada pola súa secretaría xeral, Patricia Vilán.

Nesa mesma xuntanza, dende a FEGAMP tamén se achegou o malestar unánime dos trece concellos con UMAD polo continuo incumprimento da Xunta de Galicia dos seus compromisos adquiridos dende 2022, polos que a Consellería de Sanidade cubriría de forma directa as vacantes de persoal sanitario das UMAD que se vaian producindo por motivo de xubilacións e que no prazo de 3 a 5 anos, a Consellería de Sanidade asumiría todo o persoal sanitario das UMAD.

O rexedor fai súas as declaracións do presidente da FEGAMP, Alberto Varela, nas que sinala que “estes incumprimentos da Xunta de Galicia están a afectar negativamente ao servizo que se presta polo que aínda costa máis entender por que se esta forzando esta situación na que os más prexudicados son os usuarios das UMAD de toda Galicia”.

Por parte da tenente de alcalde, Gloria Prada, transmitiu estar de acordo coas manifestacións do presidente da FEGAMP, e recalcou que “o Concello de Monforte non pode seguir asumindo competencias impropias e se lle debe esixir á Xunta de Galicia o cumprimento do cronograma de accións ó que se comprometeu e que asuma as UMAD dos 13 concellos que as albergan”.

Esta posición adoptouse nunha xuntanza previa mantida na FEGAMP na que participaron os trece concellos con UMAD: Carballo, Noia, Ribeira e Santiago de Compostela (A Coruña); Burela e Monforte de Lemos (Lugo); Ourense (Ourense); Cangas, O Grove, Pontevedra, O Porriño, Vigo e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Nesta xuntanza avaliouse negativamente a proposta recibida dende a Xunta de Galicia para o novo convenio, no que o importe contemplado no mesmo para a cobertura dos custos do servizo apenas supera os 4 millóns de euros anteriores, o que supón un grao do cobertura de aproximadamente o 70 % do gasto total que supoñen as UMAD, que a propia Xunta de Galicia recoñece como competencia autonómica, pero que finalmente teñen que volver a ser os concellos os que garanten o servizo achegando recursos propios.

Pero a proposta de novo convenio aínda empeora as condicións anteriores, xa que ademais de seguir sen cubrir o total do custo agora a Xunta de Galicia pretende diferir o pagamento en dous prazos condicionados. Isto supón que os trece concellos con UMAD non só terían que financiar boa parte dun servizo que é competencia autonómica, sino que tamén terían que esperar máis tempo e realizar dúas xustificacións para poder recibir a contía económica dende a Xunta de Galicia.

Polo anterior e de xeito unánime os trece concellos decidiron rexeitar a proposta que empeora as condicións do convenio anterior, e denunciar publicamente o incumprimento permanente por parte da Xunta de Galicia dos compromisos adquiridos en xuño de 2022, nun cronograma achegado pola Xunta que prevía a asunción das UMAD en xaneiro de 2024 despois da aprobación do decreto de transferencia en decembro de 2023.

Neste senso, o alcalde explica que nese ano 2022 “estableceuse un cronograma de actuacións en relación coas UMAD, que foi incumprido constantemente pola Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade”. Estes compromisos foron froito de máis de vinte e cinco xuntanzas mantidas coa Consellería de Sanidade dende a FEGAMP e os trece concellos que dispoñen de UMAD, e da resolución aprobada no Parlamento de Galicia en marzo de 2021, na que se “insta á Xunta de Galicia a que se acorde coa FEGAMP o mecanismo para iniciar o procedemento de incorporar ao Servizo Galego de Saúde os profesionais e servizos sanitarios de saúde mental que prestan os servizos dependentes das administracións locais, para ordenar a atención e que dependa do organismo competente en asistencia sanitaria, que é a administración autonómica”.

O alcalde de Monforte considera que “esta situación é moi grave, polo que emprazamos ao novo goberno da Xunta de Galicia a cumprir cos compromisos adquiridos con urxencia para garantir a calidade do servizo que se presta e esixe unha xuntanza co novo conselleiro de Sanidade en canto teña tomado posesión do seu cargo co fin de retomar a aplicación dos compromisos adquiridos no cronograma”.

A grave situación da UMAD de Monforte

O Concello de Monforte conta con UMAD dende o ano 1989, e nos últimos anos atravesa unha situación complicada motivada pola falta de psiquiatra dende hai 3 anos. Porque, a pesar de que o Concello levou a cabo 2 procesos selectivos, logo de que a anterior psiquiatra pedira a excedencia no seu posto de traballo, en ningún deles logrou cubrirse a praza, xa que ningún médico quixo asumila.

Isto xerou un perxuizo moi grave para os usuarios do servizo, e tamén provoca unha carga física e emocional para os traballadores da UMAD de Monforte, que se ven impotentes para dar resposta ás necesidades tan acuciantes que presentan os pacientes.

Por iso, dende o Concello faise fincapé en que a Xunta de Galicia ten que ter en conta a importancia deste factor humano, tanto dos usuarios como dos profesionais da UMAD.

Esta situación e estas circunstancias da UMAD de Monforte, foille trasladada en diversas reunións por parte da tenente de alcalde, Gloria Prada, e da profesional da UMAD de Monforte, á responsable do servizo da Consellería de Sanidade, María Tajes, que é sabedora dos problemas desta UMAD monfortina.

Dende o Concello “estamos asumindo competencias que non son propias desta entidade municipal, xa que as competencias en sanidade lle corresponden á Xunta de Galicia” e estase facendo un considerable investimento económico para o mantemento desta UMAD, a fin de prestar o mellor servizo ós seus usuarios. Neste senso, a asunción de estas competencias que lle son impropias, obriga tamén ó Concello adiantar os cartos para propiciar o funcionamento deste servizo, algo que tería que anticipar a propia Consellería de Sanidade.

No caso da UMAD de Monforte, ó igual que ocorre cos outros 12 concellos galegos, presta servizo non só ó municipio monfortino, senón tamén ós concellos de A Pobra de Brollón, Bóveda, Carballedo, O Courel, Chantada, O Saviñao, Ferreira de Pantón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober.

Coa situación actual, moitos destes usuarios, por falta de psiquiatra, teñen que desprazarse a Lugo, debido a que o Hospital Comarcal de Monforte ten unha longa lista de espera neste servizo de psiquiatría, motivada pola falta de especialistas.