O Goberno local de Monforte investirá 1,7 millóns de euros en mellorar infraestruturas

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar que destinará máis de 1,7 millóns de euros que van a permitir a mellora de infraestruturas, tanto rurais coma urbanas, así coma servizos municipais, que redundarán directamente no beneficio de todos os monfortinos e das monfortinas.
Goberno local concello de monforte
16 Mar 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar que destinará máis de 1,7 millóns de euros que van a permitir a mellora de infraestruturas, tanto rurais coma urbanas, así coma servizos municipais, que redundarán directamente no beneficio de todos os monfortinos e das monfortinas.

Esta importante partida orzamentaria, que procede de remanentes, será levada a Pleno municipal o vindeiro luns 25 de marzo, para a aprobación dun suplemento de crédito por un total de 1.743.208,18 euros. “Trátase”, subliñou o alcalde, “dun bo e intenso traballo de xestión que estamos a facer dende o Equipo de Goberno, para levar a cabo actuacións de mellora diversas, tanto da nosa cidade como das nosas parroquias, as cales iremos dando a coñecer nos vindeiros meses, porque os proxectos xa están en marcha, e que estou seguro que redundarán de xeito moi positivo nos servizos que ofrecemos ós nosos cidadáns”.

Investimentos en áreas de actuación estratéxicas

As inversións anunciadas polo rexedor monfortino comprenderán diversas áreas de actuación que son estratéxicas na folla de ruta do Executivo de José Tomé, como son o Verán Cultural, a área de deportes, as infraestruturas urbanas e rurais e a Zona D.

A mellora das infraestruturas deportivas, para a que se destinará máis de medio millón de euros (519.426,48 euros), entre as que se inclúen melloras para a Piscina municipal, obedecen á importancia que o deporte, e en concreto os deportistas e os clubs monfortinos, teñen para a cidade. Non só polos éxitos acadados en diversas disciplinas, senón polo interese e afección que hai entre a poboación pola práctica do deporte e os hábitos saudables. Deste xeito, os investimentos anunciados polo equipo de Goberno destinados a instalacións deportivas e da xestión da Piscina municipal mellorarán as dotacións deportivas e os servizos que o Concello ofrece, non só os deportistas e clubs, senón tamén á cidadanía en xeral.

Por outra banda, o Alcalde destina 110.000 euros para as actividades do Verán Cultural deste ano 2024, que ano a ano, aumenta tanto en número como en calidade e variedade de actividades, durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Neste programa do Verán Cultural, outórgase un especial protagonismo aos grupos e artistas monfortinos, que dende hai dúas edicións contan cun Ciclo de Concertos adicados especificamente a eles e onde son os protagonistas da oferta musical das noites de verán en distintos puntos da cidade. O Verán Cultural, conta cunha ampla variedade de actividades relacionadas co teatro, coas accións de rúa, a maxia, ou a música nos máis variados estilos, dirixidas a todos os públicos, polo que dende o Concello, con esta partida, se reforzará e ampliará este programa de verán.

Para a urbanización da Zona D, son 262.000 euros os destinados para continuar mellorando o urbanismo da cidade, concretamente esta zona D, entre o Cardenal e o Río Cabe, que inclúe as traseiras do Banco de Bilbao, o supermercado e a pérgola do Parque dos Condes, e lograr así un resultado como o acadado na Zona C, que cambiou a fisionomía desa zona da cidade. Dende o Concello séguese a traballar para o desenvolvemento deste novo espazo urbano, que dará fachada á rúa Cardenal e ó Parque dos Condes, o que vai supoñer unha mellora significativa.

Finalmente, destinaranse case 650.000 euros a seguir mellorando infraestruturas e bens, tanto urbanos coma rurais. O Concello tamén investirá na mellora de edificios municipais coma o garaxe da Casa Consistorial, as instalacións do Mercado Gandeiro, cunha partida total de 95.000 euros.

A reposición dos elementos de xogo do Parque infantil do Colexio A Gándara, será unha mellora que se aborda dende o Equipo de Goberno de xeito excepcional, e decidiu investir 15.000 euros na reposición dos seus elementos de xogo, dado o importante número de nenos e nenas monfortinos que o utilizan a diario.

Por último, serán destinados 100.000 euros para a modificación do contrato da recollida do lixo, logo da implantación o pasado ano do sistema de recollida de materia orgánica, que se está levando a cabo xa de xeito integral nas parroquias, na área periurbana, urbana e tamén en grandes produtores. En concreto, o Alcalde detallou os investimentos segundo a área de actuación ou dos servizos que serán obxecto de mellora con esta importante partida orzamentaria:

  • Investimentos en reposición de edificios e outras construcións deportivas: 324.226,48 euros.
  • Novas inversións en instalacións técnicas da área de deportes: 15.200 euros.
  • Investimentos para xestión da Piscina municipal: 180.000 euros.
  • Inversión para a mellora do Garaxe da Casa Consistorial: 30.000 euros.
  • Urbanización da Zona D: 262.000 euros.
  • Modificación do contrato da recollida do lixo: 100.000 euros.
  • Investimento para a mellora de edificios e outras construcións do Mercado Gandeiro: 65.000 euros.
  • Inversión de reposición en infraestruturas e bens urbanos: 566.781,70 euros.
  • Inversión de reposición en infraestruturas e bens rurais: 75.000 euros.
  • Verán Cultural 2024: 110.000 euros.
  • Reposición do Parque infantil do Colexio A Gándara: 15.000 euros.
0.13850903511047