O Goberno local de Monforte deu conta da situación actual da rede de tubaxes de abastecemento de auga
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou da situación actual da rede de tubaxes de fibrocemento de abastecemento de auga potable do Concello de Monforte na rolda de prensa sobre o Inventario da Rede de Abastecemento de Auga Potable do Concello e da Avaliación para a substitución das tubaxes que continúan actualmente en funcionamento.
Así, dixo que é "a primeira vez dende que se asinou o contrato de Aqualia no ano 2001 que se facilita esta información detallada do inventario das tubaxes, localizadas por rúas, melloras realizadas, e custo estimado das obras de substitución pendentes para a renovación total da rede de abastecemento, con total claridade e transparencia, cousa que non se fixo en gobernos anteriores”, destacou o rexedor.
Segundo o Goberno local, trátase dunha “documentación que ten por obxecto dispoñer da información que defina e que valore de maneira aproximada, dado que non hai proxectos construtivos elaborados, das actuacións necesarias para a substitución das tubaxes de fibrocemento na rede de abastecemento de auga potable do Concello de Monforte de Lemos que continúan actualmente en funcionamento”.
Actuacións para a substitución das tubaxes
O actual Goberno Municipal sostén que duplicou a renovación da Rede de Abastecemento de auga potable do Concello de Monforte en relación con gobernos anteriores e que as actuacións necesarias para a substitución das tubaxes de abastecemento de fibrocemento, serían as seguintes:
- Instalación da rede provisional de auga potable, durante a realización das obras.
- Demolición do pavimento e escavación de zanxas para a instalación das novas tubaxes.
- Retirada da tubaxe de fibrocemento, instalación da nova tubaxe, conexión, desinfección, limpeza e posta en carga.
- Reenchido da escavación e reposición de firmes en baldosa, formigón ou aglomerado en frío ou en quente, segundo o caso.
A extracción e retirada das canalizacións de fibrocemento deberá ser realizada por unha empresa inscrita no RERA (Rexistro de Empresas con Risco de Amianto), e debe realizar a xestión do residuo conforme ó establecido no R.D. 396/2006 e RD 833/88.
A lonxitude total xestionada por Aqualia da Rede de Abastecemento é de 77,68 km e a lonxitude total da tubaxe de fibrocemento de Monforte de Lemos é de 56,926 km, desagregados en función da súa utilización ou emprazamento.
Evolución desde 2016
Estes datos foron actualizados en 2016 por requirimento do actual Goberno municipal, coa dixitalización e modelización completa da rede de abastecemento, e nese momento rexistrábanse un total de 69,12 km de tubaxe de fibrocemento. Ata 2016 foron substituídos un total de 8,56 km e dende ese ano ata a actualidade, o Executivo de José Tomé substituíu un total de 12,194 km.
Neste senso, o alcalde destacou que “nestes últimos 8 anos, foron renovados 12,194 km, 1/3 máis de tubaxes que nos 16 anos anteriores. Se a estes 12,194 km se lle engaden os 5,168 km da obra de desdobramento que se está executando actualmente na rede xeral que comunica os depósitos de Cornado e San Vicente, coa instalación da nova tubaxe xeral, substituímos un total de 17,362 km desde o ano 2016 ata a actualidade".
José Tomé subliñou que “o importe total estimado para a substitución das tubaxes existentes en material de fibrocemento é de 8.720.792,90 euros, aínda que sumando o custo das obras e o custo do tratamento do fibrocemento, (337.634,90 euros), superan os 9 millóns de euros, concretamente, 9.058.427,80 euros, sen ter en conta ningunha liquidación por imprevistos, co que estimamos que se poidan chegar os 10 millóns de euros, en números redondos”, concluíu.