O goberno local de Monforte deu a coñecer os novos planos e información do Proxecto Zona D

RibeiraSacraXa
O goberno local de Monforte deu a coñecer os novos planos e nova información relativa ao Proxecto da “Zona D” localizada no centro da cidade, entre o Cardenal e o río Cabe, e fronte ao Colexio da Compañía, unha zona en forma de rectángulo recortado que inclúe os terreos que están ubicados entre o Paseo do río Cabe, as traseiras dos edificios da Rúa Avda.
Concello de Monforte Zona D
4 Sep 2023

O goberno local de Monforte deu a coñecer os novos planos e nova información relativa ao Proxecto da “Zona D” localizada no centro da cidade, entre o Cardenal e o río Cabe, e fronte ao Colexio da Compañía, unha zona en forma de rectángulo recortado que inclúe os terreos que están ubicados entre o Paseo do río Cabe, as traseiras dos edificios da Rúa Avda. de Galicia, as traseiras dos edificios da Rúa Cardenal e unha pequena parte do Parque dos Condes, onde está o muro de peche e a pérgola.

O alcalde, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, presentou o proxecto lembrando que en marzo deu a coñecer o proxecto de reparcelación desta Zona D e agora “damos un paso máis para poder realizar a urbanización da Zona D, para continuar mellorando o urbanismo da cidade”, sostivo o rexedor.

José Tomé recordou que no ano 2000, a Corporación de entón, aprobou definitivamente unha modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento o día 12 de abril e publicouse no B.O.P. de Lugo o día 26 de abril do mesmo ano, baixo a modalidade de Sistema de Compensación, que legalmente lle correspondería desenvolver aos propietarios, cousa que, 23 anos despois, non se produciu.

“Diante desta situación e logo da experiencia positiva da Zona C, dende o equipo de Goberno decidimos tomar a iniciativa e propuxemos ao Pleno do Concello o cambio do Sistema de Compensación polo Sistema de Cooperación, onde a iniciativa xa lle corresponde ao Concello”, explicou o rexedor monfortino. Así, este cambio permite ao Concello tomar a iniciativa para proceder á urbanización deste novo espazo urbano, que dará fachada á rúa Cardenal e ó Parque dos Condes, o que vai supoñer unha mellora urbanística significativa.

Así, esta proposta foi aprobada polo Pleno o día 29 de novembro de 2021, por 11 votos a favor do Partido Socialista e 6 abstencións dos concelleiros do PP, BNG e Esperta Monforte, sen que no período de exposición pública se produciran alegacións.

No mesmo senso, o proxecto de reparcelación foi aprobado na Xunta de Goberno do día 7 de xullo, cun custe inicial de 376.744,67 euros, aínda que cando chegue a fase do proxecto construtivo e debido a posibles cambios durante a fase de exposición pública e alegacións, pode resultar algunha variación no orzamento, pero en termos xerais rondará os 400.000 euros, que se financiarán con fondos propios municipais.

Nestes momentos, o proxecto está a exposición pública, xa que foi publicado no B.O.P. de data 24 de agosto de 2023, por 15 días hábiles que rematan o próximo 14 de setembro.

A nova Zona D

Os terreos correspondentes á denominada Zona D están ubicados entre o paseo do río Cabe, as traseiras dos edificios da avenida de Galicia, as traseiras dos edificios da rúa Cardenal e que inclúe a pérgola do Parque dos Condes, suma unha superficie de 3.274 metros cadrados pertencentes a 35 propietarios ou herdeiros incluída unha comunidade do garaxe.

O Alcalde subliñou que “ao igual que pasou na rúa Rof Codina, tamén chamada Zona C, o proxecto da Zona D vai permitir eliminar unha pequena bolsa de maleza, abrindo un novo vial que comunicará a rúa Cardenal co Paseo do Río e vai xerar novas parcelas edificables con baixo impacto, e tamén unha pequena zona verde, que mellorará e poñerá en valor esa zona que se proxecta cara o monumento da Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios”.

“Despois da excelente experiencia da Zona C”, continuou José Tomé, “estamos convencidos de que na Zona D ocorrerá o mesmo, aínda que o seu ámbito é máis reducido, pero non menos importante debido á zona na que se atopa”.

Esta actuación afecta a 4 parcelas de 35 propietarios, ao que lle hai que sumar unha zona de terreo público, a propiedade do terreo afectada correspóndese con 1.932 metros de chan privado e 1.342 metros de terreo publico dos cales 791 metros correspóndense coa tira do zona verde pegada ó muro de peche cunha lonxitude de 41,5 metros e 561 metros do vial que discorre fronte á pérgola.

No planos de reparcelación dados a coñecer polo alcalde, pódese observar como vai quedar a zona edificable e todo o que se gana para uso público, tanto viais como zonas verdes.

O alcalde tamén aclarou na súa intervención que que no informe e na licencia do edificio do BBVA do ano 1969, establecía a obriga de deixar unha franxa de 3,5 metros de ancha paralela ó muro de peche dos Escolapios que se debía prolongar ata o río Cabe, cousa que os promotores do edificio non cumpriron, dado que solo se cumpríu para a entrada do garaxe. Esta reserva de terreo era debido a que xa no ano 1969 tiñan a previsión de facer unha calle de 7 metros de ancha, aportando outros 3,5 metros da horta dos Escolapios.

Coa modificación das normas subsidiarias do 2000, tal como figura no plano, prevese unha rúa de 12 metros que inclúe unha rotonda nas proximidades do río Cabe. José Tomé rematou a súa intervención en rolda de prensa subliñando que “esperamos que os propietarios cooperen co Concello para levar a cabo as obras o antes posible e que no horizonte do próximo ano 2025 están rematadas as obras de urbanización desta Zona D“.

O alcalde remarcou o seu convencimento de que a Zona D resultará moi ben acollida polos veciños e veciñas de Monforte, tendo en conta a excelente experiencia vivida coa Zona C e dada a importancia da zona afectada, a pesar de que o ámbito de actuación é mais reducido.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17359900474548