O goberno local de Chantada pon en valor as actuacións máis destacadas do ano
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, fai balance dun 2024 marcado por iniciativas culturais, sociais e medioambientais, ademais de proxectos en infraestruturas que seguirán desenvolvéndose en 2025. Segundo Varela, "a verdade que podemos mirar cara adiante con grandes perspectivas de desenvolvemento económico, industrial e social".
Entre os logros máis destacados do ano que remata polo rexedor está a finalización das obras do Centro de Atención Temperá, que dará servizo aos municipios de Chantada, Taboada e Carballedo. "Só falta o mobiliario, e contamos que para Semana Santa estará operativo despois dunha boa inauguración", explicou o alcalde. Ademais, tamén se completou unha fase fundamental da nova biblioteca municipal, cun investimento de case 600.000 euros.
En canto ás infraestruturas viarias, Chantada segue apostando polo mantemento e mellora das vías de acceso. "Achegámonos aos 100 quilómetros de aglomerado en quente, e seguimos traballando para que as 320 aldeas do municipio teñan accesos inmellorables nos próximos anos", afirmou Varela.
Ademais, segundo o popular ampliación do Polígono Industrial dos Acivros é outro dos proxectos clave para 2025. "Estamos traballando con urxencia na tramitación ambiental. Agora mesmo o polígono está a tope, case sen parcelas dispoñibles. A ampliación será fundamental para manter o dinamismo empresarial que caracteriza a Chantada", apuntou. Tamén, pediu ao Goberno central a execución da mellora da N-540 e avanzou que o Concello seguirá impulsando axudas á natalidade para favorecer o asentamento da poboación.
Neste sentido, o rexedor concluíu con que Chantada pecha 2024 como un municipio que medra en habitantes, visitantes e peregrinos, e que aposta polo desenvolvemento sustentable. Poñendo como exemplo, a Oficina Municipal de Turismo logrou este ano as certificacións de Q de Calidade e S de Sustentabilidade. "Hai moita xente que aposta por Chantada e seguirá apostando no futuro", sinalou.