O GES de Quiroga recibe novo equipamento para prevención de incendios

RibeiraSacraXa
Tamén se entregou material aos GES de Laza, a Guarda e O Grove, cun investimento total de preto de 700.000 euros
entrega-vehiculos-ges
5 Feb 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, participou este xoves na entrega de vehículos a Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

Trátase de dúas bombas rurais pesadas para os GES con sede en Laza e Quiroga, e de dúas bombas urbanas lixeiras estreitas para os da Guarda e O Grove. O material suma un orzamento de case 700.000 euros, cofinanciados pola Unión Europea a través do programa Feder de Galicia.

Trátase de vehículos dotados de equipamento avanzado de extinción, sistemas de comunicación integrados na rede corporativa de emerxencias de Galicia e altas prestacións técnicas que teñen como obxectivo mellorar a capacidade operativa dos GES, optimizar os tempos de resposta e incrementar a seguridade do persoal e da cidadanía.

En canto as bombas rurais pesadas, valoradas cada unha delas en 198.000 euros, están deseñadas para atender incendios rurais e forestais en zonas de difícil acceso, e dispoñen de cisterna con capacidade para 3.000 litros, bomba contra incendios que permite o lanzamento de auga tanto con baixa como con alta presión e carrete de primeiro socorro, entre outras prestacións.

Pola súa banda, as bombas urbanas lixeiras destínanse a emerxencias en zonas urbanas, cascos históricos e rúas estreitas. Os equipamentos están dotados con cisternas dun mínimo de 1.100 litros de capacidade e contan tamén con bomba contra incendios que permite o lanzamento de auga tanto con baixa como con alta presión e carrete de primeiro socorro e están valoradas en case 150.000 euros.

Con estas novas dotacións preténdese mellorar a eficacia das intervencións dos grupos nos concellos de Quiroga, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Ribas de Sil, na provincia de Lugo, e de Laza, Castrelo de Val, A Gudiña, A Mezquita, Riós e Sarreaus, na de Ourense. En Pontevedra, os concellos atendidos son A Guarda, Oia, O Rosal e Tomiño, por unha banda, e O Grove, Meaño, Poio e Sanxenxo, por outra.

⚙ Configurar cookies
0.077821969985962