O GDR da Ribeira Sacra organiza en Monforte unha xornada sobre as enfermidades do viñedo
O Grupo de Desenvolvemento Rural da Ribeira Sacra organiza para o vindeiro venres, 19 de maio, unha xornada no salón de reunións Restaurante Manuel Bistró de Monforte de Lemos.
Baixo o nome de ‘As enfermidades do viñedo: estratexias de protección razoada’, os relatores afondarán no coñecemento e tratamento de diferentes enfermidades, guiados polo enólogo Alfonso Losada Quiroga.
Así, ás 18.00 horas comezará a xornada da man do enxeñeiro de montes, Pedro Mansilla, quen falará do ‘Pasado, presente e futuro das enfermidades da madeira na vid en Galicia’.
Pola súa parte, a doutora en Enxeñería de Montes e enxeñeira técnica agrícola, Rosa Pérez Otero, exporá ‘O mildiu en Galicia. Como abordar esta enfermidade na actualidade’; ás 18.45 horas.
Ás 19.30 horas será a quenda de Alfonso Lucas Espadas, quen comentará ‘O oídio, unha enfermidade difícil. Alternativas de tratamentos’.
Por último, ás 20.15 horas, a coordinadora da Estación de Avisos Agrícolas do Bierzo, Nuria de Prado falará do ‘Black-rot, enfermidade secundario pero importante’.
A xornada pecharase cunha degustación de viños da D.O. Ribeira Sacra, acompañado da maridaxe e degustación de produtos locais.
Para poder participar, haberá que inscribirse nunha ligazón, xa que hai prazas limitadas.