O futuro centro de ciberseguridade de Monforte é unha boa noticia para a Xunta
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, considera que a posibilidade de que Monforte teña nun futuro o centro de ciberseguridade ferroviario é unha boa nova.
Porén, cre que durante a reunión na que se presentou o proxecto, o alcalde de Monforte podía ter pedido a Adif o desbloqueo do proxecto do acceso ao porto seco, que segundo a Xunta, “depende exclusivamente de ADIF”, xa que "a Xunta de Galicia leva investidos en total preto de 20 millóns de euros”.
Neste sentido, o delegado territorial insiste en que a execución da conexión desta futura infraestrutura coa a N-120 sigue bloqueada desde hai anos ante "a falta de compromiso do Goberno central" e que "obstaculiza as autorizacións necesarias para avanzar nesta intervención".
Ademais, defende que a Xunta de Galicia reserva cada ano unha partida nos orzamentos autonómicos como vontade de avanzar na citada conexión.
De feito, sinala “leva investidos no porto seco preto de 20 millóns de euros para os traballos técnicos, a adquisición dos terreos, a súa urbanización e a construción dos accesos coa estrada LU-933. Tamén para o vindeiro 2023 as contas do Goberno galego presentan 0,5 M€ para impulsar esta conexión, “sempre e cando ADIF non poña trabas”, sinala.