O furancho O Currio acolle a primeira residencia poética de Vilachá na Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
O Furancho O Currio en colaboración co Concello da Pobra do Brollón organiza unha fin de semana de convivencia entre cinco poetas galegas.
residencia poetica
1 Xul 2022

O Furancho O Currio en colaboración co Concello da Pobra do Brollón organiza unha fin de semana de convivencia entre cinco poetas galegas.

Será a segunda fin de semana de xullo e rematará o domingo 10 cun vermú poético aberto ao público. As poetas participantes, chegadas de varios puntos de Galicia, serán Noa Moreira, Arancha Nogueira, Nuria Erre Pe, Esme Quiroga e Leti Breijo.

O obxectivo é crear unha situación na que as poetas ollen a parroquia de Vilachá dende a emoción e se inspiren nela para a creación poética.

A Residencia incluirá visitas guiadas realizadas por persoal do Concello nas que as poetas participantes coñecerán lugares destacados na memoria colectiva da parroquia como Os Conventos, o Carballo da Chá, o miradoiro da Capela...

Tamén se buscarán espazos de liberdade máis distendidos. “Trátase de crear o ambiente e deixar que a poesía agrome”, comenta Lucía Pérez, filla de Pedro, colleiteiro fundador do furancho.

O vermú poético

Como acto público está convocado un vermú poético o domingo 10 ás 13.00. O acto terá lugar á sombra das pereiras da Libertaria que foran traídas por Juan Abramo Dios, mestre republicano asasinado no 1936.

Participarán as poetas con algún convidado e actuación musical. Tras o vermú o furancho ofrecerá opcións de xantar, para o que é preciso reserva.

0.18392205238342