O fotógrafo Xaime Cortizo presentará en Sober a súa nova exposición

Este venres 13 de xuño ás 19:00 horas, o fotógrafo e viticultor Xaime Cortizo inaugura no Centro Sociocultural, en Sober, a súa nova exposición fotográfica, titulada ‘Viaxe interior de Pedra e Auga’, que poderá visitarse ata o vindeiro 31 de xullo.
Trátase dunha proposta visual de fonda carga simbólica, que nace dunha viaxe creativa e vital, unha travesía interior onde a pedra e a auga convértense nos grandes eixos narrativos dunha transformación íntima e artística. Cada imaxe é pegada, fronteira, memoria e revelación.
A exposición entrelaza tres xeografías fundamentais para o autor. Por un lado, a atmósfera máxica de Santiago de Compostela, representada nas súas gárgolas: rostros de pedra que gardan segredos e atravesan séculos, e tamén nos horizontes poéticos. Xunto a ela, os paisaxes sagradas da Ribeira Sacra do Miño, onde Xaime cultiva a vide e o silencio, e onde a terra, a luz e o viño constrúen unha cultura ancestral, así como os límites abertos da costa atlántica galega, desde a desembocadura do Miño ata a praia das Catedrais, pasando polos cantís de San Andrés de Teixido e o Cabo Touriñán, lugares onde o mundo parece rematar e renacer ao mesmo tempo.
Esta obra é tamén unha homenaxe á evolución interior como camiño, á capacidade de habitar a paisaxe non só co corpo, senón coa ollada, coa memoria e coa alma. A súa experiencia como artista fúndese coa do viticultor, que observa, espera, coida e transforma.
Con traxectoria consolidada na fotografía artística e documental, Xaime Cortizo propón unha exposición que convida a deterse, contemplar e sentir. Unha obra que nace da terra, da auga, do tempo e do invisible.
A entrada é libre, e durante a inauguración ofrecerase un pequeno aperitivo con produtos locais, nun ambiente próximo e aberto a todo o público.