O foro Ultreia chega á Ribeira Sacra para impulsar o emprendemento ligado ao territorio

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, presentou hoxe o encontro Ultreia Galicia, un foro destinado a reforzar o emprendemento vinculado ao territorio e que se celebrará os días 27 e 28 de novembro na Ribeira Sacra. No acto, no que tamén participou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, avanzáronse os eixes e contidos dunha cita que aspira a converterse nun referente do emprendemento sostible en Galicia.
O foro estruturarase arredor de tres grandes áreas (agro-mar, recursos naturais e comercio-turismo) e contará con espazos de debate centrados no emprendemento, na innovación e no papel de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025. Entre as actividades máis destacadas figura a sinatura dun compromiso de coordinación entre todas as entidades público-privadas que asesoran ás persoas emprendedoras na comunidade, así como a presentación das liñas estratéxicas da futura Estratexia de Emprendemento Ligado ao Territorio.
Como parte da conmemoración do recoñecemento europeo, o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín) acollerá 60 expertos nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e ao redor de 150 participantes relacionados co ecosistema emprendedor. O obxectivo é conectar proxectos galegos con iniciativas doutras rexións europeas e mostrar a capacidade innovadora do tecido local. O primeiro día, os asistentes estranxeiros participarán en experiencias inmersivas vinculadas ao patrimonio e á cultura galega.
A xornada central do congreso terá lugar o 28 de novembro, con máis de 20 mesas e relatorios nos que intervirán especialistas, empresas líderes, representantes autonómicos e proxectos destacados. No ámbito institucional presentarase o Informe Especial GEM Galicia 2024-2025, coincidindo co 20º aniversario do observatorio internacional na comunidade. Tamén se organizará unha mesa sobre emprendemento xuvenil, un encontro entre as tres Rexións Emprendedoras Europeas 2025 (Galicia, Krapina-Zagorje e Mazovia) coa participación de Nadim Ahmad, da OCDE, e celebrarase un concurso entre os 15 polos de emprendemento de Galicia. Ademais, reservarase un espazo para o proxecto Fixar, destinado a atraer nómades dixitais ao rural.
O apartado dedicado ao emprendemento reunirá persoas emprendedoras, empresas, investidores e entidades vinculadas ao desenvolvemento sostible. As mesas de debate analizarán ferramentas para impulsar novos proxectos, oportunidades de financiamento e o papel da colaboración empresarial no crecemento local. Paralelamente, a sala de innovación ofrecerá exemplos de empresas que medraron desde o territorio e casos de éxito en distintos sectores.
José González animou ás persoas interesadas a inscribirse de balde en www.ultreiagalicia.com e destacou que a intención da Xunta é consolidar Ultreia Galicia como un punto de referencia para o emprendemento sostible e unha plataforma para xerar investimento e novas vías de colaboración na comunidade.