O Folión de Carros de Chantada presenta o seu cartel oficial

A edición deste ano do Folión de Carros de Chantada promocionarase cun cartel deseñado por Victoria García Fernández, alumna de 4º de ESO do IES Lama das Quendas.
A presentación da imaxe seleccionada tivo lugar este mediodía no propio centro educativo, coa participación da deputada de Cultura, Iria Castro. A Asociación de Amigos do Folión, organizadora da festa tradicional que se celebrará en agosto coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, contou un ano máis coa participación do alumnado local para crear a imaxe do evento.
Victoria García Fernández resultou gañadora tras unha convocatoria aberta no IES Lama das Quendas para elaborar o cartel desta edición, que combina unha intervención en cor sobre unha fotografía antiga do Folión. A súa obra será utilizada para a difusión da festa e poderá verse xunto a unha ducia de outros debuxos presentados nunha exposición en Chantada.
No acto participaron tamén representantes da Asociación de Amigos do Folión, profesorado e alumnado do centro, así como autoridades locais e da Xunta, que apoian a organización desta celebración tradicional.