O filme 'A virxe roxa' proxectarase en varios concellos lucenses
A virxe roxa, Premio Mestre Mateo ao mellor Documental, proxectarase en Vilalba, A Pobra do Brollón, Foz, Sarria e Chantada, da man da Deputación.
O filme A virxe roxa, Premio Mestre Mateo á mellor longametraxe documental, proxectarase en Vilalba, A Pobra do Brollón, Foz , Sarria e Chantada, dentro do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Deputación.
Trátase da segunda proxección programada neste circuíto, que contempla a exhibición dos oito filmes finalistas dos Mestre Mateo nas categorías de mellor longametraxe documental e mellor longametraxe de ficción, cunha proxección cada mes durante todo o ano.
A VIRXE ROXA
O filme A virxe roxa, dirixido por Marcos Nine, con Amalia Mato e Chema Gagino na produción executiva. conta un suceso que conmocionou á sociedade dos anos 30 do século pasado, protagonizado por Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart, unha moza que con só 18 anos se convertiu nunha das feministas máis destacadas da Segunda República, pero que pasaría á historia por ser asasinada a mans da súa nai, incapaz de aceptar a súa emancipación.
O relato constrúese a partir de entrevistas a persoas especialistas na biografía das protagonistas e no contexto histórico, como a profesora ferrolá Rosa Cal, recursos de filmes contemporáneos cos feitos e ilustracións de Alberto Taracido.
Ademais de gañar o premio ao Mellor documental nos Mestre Mateo, tamén foi finalista na categoría de Mellor montaxe e resultou premiado en festivais internacionais como DOCA ou Blackboard.
PROXECCIÓNS
- Vilalba – Sábado, 16 de abril. Auditorio Municipal. 20.00 horas. Colaboran Instituto de Estudos Chairegos e Concello de Vilalba
- A Pobra do Brollón – Xoves, 21 de abril. Casa da Cultura Olga Novo. 20:15 horas. Colabora Concello da Pobra do Brollón.
- Foz – Sábado, 23 de abril. Casa da Cultura. 18:30 horas. Colabora Concello de Foz.
- Sarria - Sábado, 23 de abril. Sociedade Recreativa La Unión. 19.00 horas. Colabora Cineclube Leslie Nielsen e Sociedade Recreativa La Unión.
- Chantada – Sábado, 23 de abril. Auditorio Municipal. 20.00 horas. Colaboran Airoá Comunicación e Concello de Chantada.