O festival Trece Roeis regresa á Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
A Deputación de Lugo colabora co finannciamento do festival Trece Roeis que regresará o 19 e 20 de agosto á Ribeira Sacra
Trece Roeis RS
2 Ago 2022

A Deputación de Lugo colabora co financiamento do festival Trece Roeis, en Pantón, cunha achega de 5.000 euros para a celebración desta cita, que contribúe a dinamizar social, turística e economicamente a Ribeira Sacra. A deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, participaba na presentación desta cita no Pazo de Ferreiroá, no concello de Pantón. No acto tamén participaron o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, o director do festival, Miguel Durán, e o secretario xeral de Políticas Lingüísticas, Valentín García, entre outras autoridades.

González Abelleira destaca que se trata dunha colaboración “dentro da nosa clara liña de apoio ós concellos e ó tecido asociativo para dinamizar a vida social e económica da provincia”. Así mesmo, destaca que “apostamos por un turismo de calidade e sostible, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que pon en valor a nosa riqueza patrimonial e que crea riqueza e emprego, sobre todo no noso rural”.

O Trece Roeis Fest “xa é unha cita de referencia no calendario musical da comarca da Ribeira Sacra e de toda a provincia de Lugo”, explica a deputada e afirma que ten un impacto moi positivo para a economía local grazas ás persoas que se achegan. Ademais de apoiar iniciativas como esta, a Deputación de Lugo impulsa de maneira directa programas como as xornadas gastronómicas e de lecer Saborea a túa provincia, o programa de viaxes Coñece a túa provincia ou actividades de turismo cultural, deportivo ou en contornas fluviais.

O festival nace en 2019 como proposta cultural no concello de Pantón tras a cancelación do veterano Festival do Castro, converténdose nun novo acontecemento de referencia na Ribeira Sacra. Nesta edición o cartel está formado por unha vintena de artistas como El Drogas, Lágrimas de Sangre, Boikot, Herdeiros da Crus ou a Banda da Loba, entre outros.

0.18332600593567