O Festival dos Eidos axita de novo as montañas de O Courel
Unha nova edición do Festival dos Eidos terá lugar en Folgoso do Courel, na Fundación Uxío Novoneyra, entre os días 25, 26, 27 e 28 de agosto. O festival contará coa participación de artistas multidisciplinares de ámbito nacional e internacional. Será un reencontro coa poesía, a natureza e as artes do que poderán gozar tódolos asistentes.
O FESTIVAL
O Festival dos Eidos lembra un libro aberto e comunal e celebra os seus “lugares íntimos, os máis convividos, dos que se ten longa experiencia, hábito de longa presencia, os que un leva estampados dentro”, como os definía Novoneyra.
A horta, o curral, a fonte, a aira, o souto, a escola… todos os espazos que cinguen a casa natal do poeta na aldea de Parada (situada no municipio do Courel), tórnanse escenarios dunha cita que reivindica a paixón polo canto e a palabra poética expandida, salvaxe, escénica e en diálogo con outras artes.
Os Eidos xira á volta deses lugares de pertenza nas terras altas da montaña luguesa. Dende eles irradia unha programación de vangarda, intensa, múltiple e aberta que busca seguir fundando o lugar da palabra e das artes no espazo dunha aldea e dunha serra que chama pola viabilidade e pola permanencia.
PROGRAMA
Venres 26
Os actos este ano comezarán ás 16.00 horas cunha sesión Dj con Sergio Canay e coa exposición do trinta aniversario de Queimados de Federico García Cabezón en Souto da Rubial. Ás 17.00 horas terá lugar a presentación de Lígua Lázara e Os Espazos en Branco, ás 17.30 horas un recital homenaxe a Carlos Oroza a cargo de Nacho Fernández. Ás 20.00 horas dará comezo o concerto de Clo Plas, The Rimbaud Company e Radio Océano, e ás 23.00 horas Sergio Canay ofrecerá outra sesión Dj.
Sábado 27
Ás 11.30 horas terá lugar a ollada de aves con Xavier V. Pumariño e ás 12.00 horas a peza de poesía escénica Trenza de Nieves Neira, Cris Vilariño e Olalla Caamaño. Ás 12.30 horas actuará Ruper Ordorika e haberá sesión dj con Tristón. Ás 15.00 horas terá lugar a presentación De aquí no se va nadie.
Xa pola tarde ás 18.30 horas haberá un recital poético con Manolo Rivas, Lupe Gómez, Pura Tejelo, José Luís Gallero e Joseba Sarrionadia. A partir das 21.00 horas, música con Xico de Cariño, Alberto Mvndi Trío e Enxeito.
Domingo 28
Ás 11.30 horas producirase de novo a ollada ás aves con Xavier V. Pumariño. Ás 12.00 horas, sesión de micro aberto dos Eidos. Ás 13.00 e 15.00 horas, sesións dj con Sergio Canay e ás 14.00 horas concerto de Alberto Mvndi Trío.