O festival As Cores do Outono da Pobra do Brollón foi todo un éxito
O festival de música galega de raíz As Cores do Outono, unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón, festexou os seus dez anos co fin de "homenaxear a historia recente da música galega: o rexurdir no post-franquismo con Fuxan os Ventos, a procura de novas sonoridades dos primeiros 2000 con Mercedes Peón, a recollida e instrumentación con Xisco Feijoó e o momento actual representado por Maricarme".
Desta maneira, promoveron espectáculos para todos os públicos, en diversos espazos, cos que tamén "se deslocaliza o festival coa actividade en Canedo", comentou o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.
En primeiro lugar, houbo unha charla e proxección fotográfica arredor da exposición 'Fuxan os Ventos. 50 anos de historia' na Cultura Olga Novo, na que participaron varios integrantes de Fuxan os Ventos.
Contouse así coa presenza de Xisco Feijoó, que interpretou pezas froito da intensa labor de recollida que leva feito ao longo da súa carreira e deu un obradoiro de baile tradicional na Praza da Condesa.
Xa pola noite tiveron lugar os concertos de Maricarme, formado por Antía Ameixeiras, Cibrán Seixo e Migui Carballido; e de Mercedes Peón co seu espectáculo Ingrávida, no que celebra os 20 anos dende a publicación do seu primeiro disco, Isué. Peón estivo acompañada por mulleres artistas como As Xirifeiras, Caamaño&Ameixeiras, Mónica de Nut, Raigañas de Cerqueda, Galíricas, Icía Varela, Gisela Sanmartín e Ana Fernández.