O Faladoiro sobre plantas que tivo lugar en Quiroga "tivo unha excelente acollida"
O segundo Faladoiro sobre Plantas silvestres, o botiquín da nosa terra organizado dende o departamento de Servizos Sociais do Concello de Quiroga "tivo unha excelente acollida" nas instalacións do Centro Social.
A convidada deste mes, Carol de 'Malas hierbas', con raíces en Ribas de Sil, e acompañada polo concelleiro, Xosé Manuel Fernández Montes, exercendo de moderador, contou como chegou a Galicia buscando un lugar con mellor calidade de vida e o seu descubrimento das plantas da contorna. A época da pandemia serviulle para facer cursos a través das redes sociais e coñecer a utilización das plantas en lugares moi afastados.
Ademais, Carol falou e intercambiou impresións cos asistentes sobre o poder de sanación e os métodos de utilización das plantas; á vez que recomendaba libros para iniciarse no seu coñecemento.
Esta actividade aberta ao público en xeral, que se iniciaba no pasado mes de xaneiro con Mari Carme do Freixeiro, falando sobre a atención e comprensión ás persoas maiores e a experiencia de superar unha enfermidade grave; lévase a cabo os últimos mércores de cada mes, con diferentes persoas que compartirán vivencias e conversas cos asistentes.