O Faladoiro do Centro Social de Quiroga despide o ano falando de superación

O Centro Social de Quiroga acolle esta semana unha nova sesión do Faladoiro, unha xuntanza que nesta ocasión terá como protagonista a Mariia, refuxiada Ucraína que leva vivindo na vila dende marzo de 2022, poucos días despois do comezo da guerra. O Faladoiro que se desenvolve habitualmente o derradeiro mércores de cada mes, adiántase nesta ocasión ao martes 30 de decembro ás 18:30 horas.
Mariia é, tal e como resaltan dende o Concello, un exemplo superación e adaptación, que ao pouco tempo de chegar adaptouse ás costumes, o clima e a lingua. Traballou como coidadora e limpadora e agora está empregada na Residencia de Maiores de San Clodio. O seu reto é exercer de psicóloga, a súa profesión, cando poida convalidar o título. Aínda que o seu soño para ser feliz é que o seu único irmán poida vir a España pero non é posible porque os homes non poden sair do pais.
Esta actividade que promove o Concello de Quiroga dende a Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá, nesta ocasión conxuntamente co Centro de Información á Muller, estará moderada polo concelleiro de Servizos Sociais e Participación Cidadá, Xosé Manuel, e pola concelleira de Educación, Infancia, Igualdade e Comunicación, Mayte Pérez Grao.
O Faladorio é un espazo aberto á veciñanza para a socialización, o coñecemento e a participación cidadá, onde tras unha breve presentación da persoa convidada, os participantes poden intervir con preguntas ou contando as súas propias experiencias.
Durante este ano, pasaron polo Faladoiro persoas como Hermitas garcía Quiroga, hematóloga e veciña de Quiroga, que falou sobre “accidente cerebro vascular” máis coñecido como ictus, Teresa Taboada, resposable de “Espazo Sacro”, Aida Marcos, veciña de Bustelo de Fisteus, Mario Lillo, psicóloga e encargada de impartir as clases de memoria a través da entidade, Rubén Gutiérrez, enxeñeiro agrícola madrileño especializado en olivicultura asentado nas Covas e cantautor baixo o nome Peitoescuro, e Laura e Jeyco, responsables do proxecto 'Terriña Salvaxe', quenes contaron as súas experiencias de vida, baixo o lema “Quiroga, terra de acollida.