O Faladoiro de Quiroga abordou o deterioro cognitivo na súa primeira sesión tras o verán

RibeiraSacraXa
A charla estivo a cargo de María Lillo Montes, psicóloga monfortina afincada na Pobra do Brollón
faladoiro-quiroga
1 Nov 2025

O Centro Social de Quiroga acolleu o pasado mércores unha nova sesión do Faladoiro, actividade promovida pola Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá, que busca crear un espazo de socialización e aprendizaxe entre a veciñanza. Nesta ocasión, o encontro estivo centrado no deterioro cognitivo, un tema de grande interese social que reuniu a numeroso público, o que levou a trasladar a sesión ao salón de actos da Casa da Cultura.

A charla estivo a cargo de María Lillo Montes, psicóloga monfortina afincada na Pobra do Brollón, con ampla formación en Neuropsicoloxía, Xeriatría e Terapia Familiar, e coñecida polos seus obradoiros de memoria impartidos a través de Afamon no Xeoparque Montañas do Courel.

Durante a intervención, Lillo explicou que se entende por deterioro cognitivo, como se manifesta, cales son os seus síntomas e que medidas se poden adoptar para previr ou frear o avance da enfermidade, así como as repercusións persoais e familiares nos casos máis graves, como as demencias.

O coloquio, moderado polo concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández, serviu tamén para fomentar a participación dos asistentes, que puideron formular preguntas e compartir experiencias persoais, mantendo así o espírito participativo e comunitario que caracteriza o Faladoiro.

⚙ Configurar cookies
0.07178807258606