O faladoiro de novembro en Quiroga chega este mércores baxo o título “Quiroga, terra de acollida”

O Concello de Quiroga dedicará o faladoiro deste mes ao tema “Quiroga, terra de acollida”. A sesión terá lugar este mércores 26 no Centro Social, ás seis da tarde, e contará coa participación de Laura e Jeyco, impulsores do proxecto hostaleiro Terriña Salvaxe.
A actividade, promovida pola Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá, busca crear un espazo de encontro, socialización e intercambio de experiencias. Nela, os protagonistas relatarán o seu proceso de asentamento no municipio e a evolución dun proxecto nado no rural galego.
Laura e Jeyco chegaron por primeira vez á aldea de Outeiro en outubro de 2023, onde asumiron a xestión dun local que funcionaba como cantina e aloxamento rural, ao que deron o nome de Terriña Salvaxe. A súa traxectoria viuse interrompida o 26 de setembro de 2024, cando un incendio destruíu o establecemento e dúas casas próximas. Tras regresar a Valencia para recuperarse do sucedido, decidiron retomar a iniciativa e buscar un novo espazo no municipio. Finalmente estableceron o negocio en San Xulián de Abaixo, no antigo restaurante Escaleira, onde Terriña Salvaxe reabriu en abril de 2025.
O concelleiro Xosé Manuel Fernández explicou que no faladoiro “coñeceremos esta historia de rexurdimento e comprobaremos por que estes rapaces escolleron Quiroga como ‘Terra de acollida’ para o seu proxecto hostaleiro”.
A sesión, moderada polo propio concelleiro, está aberta a toda a veciñanza e pretende fomentar a participación cidadá. Tras a presentación inicial, as persoas asistentes poderán dialogar cos convidados, formular preguntas e compartir as súas propias experiencias.