O estadio da Pinguela acolleu o encontro de Primeira Federación entre o Ourense CF e o CP Cacereño

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destaca que con este partido púxose de manifesto a calidade das instalacións deportivas monfortinas, que cumpren cos requisitos necesarios para acoller partidos de categorías nacionais
partido-ourense-cf-monforte
26 Jan 2026

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, asistiu este domingo, 25 de xaneiro, ao partido da xornada 21 do Grupo A de Primeira Federación que enfrontou ao Ourense CF e ao CP Cacereño no Campo Municipal da Pinguela, e que rematou cun resultado de 0-1 favorable ao conxunto extremeño.

O rexedor estivo acompañado polos concelleiros de Deportes, José Manuel Mougán, e de Muller e Igualdade, Margarita López, así como polos presidentes do Club Lemos e do CF Ourense, Antonio López e Camilo Díaz, respectivamente, ademais doutros membros das directivas de ambos clubs e representantes do Concello de Ourense. Antes do inicio do encontro gardouse un minuto de silencio en lembranza das vítimas do accidente ferroviario de Adamuz.

A disputa deste partido en Monforte responde á solicitude do Ourense CF, xa que o estadio do Couto permanece en obras para a renovación do céspede. O alcalde destacou que a celebración deste encontro na Pinguela pon de manifesto a calidade das instalacións deportivas monfortinas, que cumpren cos requisitos necesarios para acoller partidos de categorías nacionais.

Como mostra de agradecemento pola colaboración prestada, o presidente do CF Ourense e o director xerente do club fixeron entrega de trofeos conmemorativos ao alcalde de Monforte e ao presidente do Club Lemos.
O encontro contou cunha notable presenza de público nas bancadas e supuxo tamén unha importante proxección para a cidade, ao tratarse dunha competición cuxos partidos son retransmitidos por televisión. As entradas puxéronse á venda a distintos prezos segundo o tipo de público, destinándose a recadación íntegra ao Club Lemos.

⚙ Configurar cookies
0.074532032012939