O Espazo Xove de Chantada acolle unha festa de remate de actividades este mércores
O Espazo Xove Chantada, como cada ano, celebra o 19 de xuño a partir das 18.00 horas unha festa de remate de actividades para amosar ao público o traballo realizado no centro durante o curso: pintura ao óleo, cestaría, reciclaxe, teatro, informática, programación en scracht, zumba, xoiaría, filorama, maquillaxe artística, lettering, pathwork, coreografías musicais, debuxo artístico, economía azul, samaín, radio, xogos de mesa, wii, nintendo... e moitas outras.
A festa coincidirá co comezo do torneo de tenis de mesa, a aula de teatro do centro levará a escea a obra 'Todo é teatro', coordinada por Paqui Abeledo e os participantes de zumba e coreografías musicais representarán a coreografía 'Bailando Bachata' de Chayanne. Como remate, haberá unha pequena merenda para todos os participantes.
Por outra parte, durante xuño haberá exposta unha mostra con parte dos traballos realizados polos participantes nas actividades de todo o ano e o xoves 20 de xuño a partir das 18.00 horas celebrarase unha sesión musical co DJ Rafa.
O Espazo Xove de Chantada agradece a súa participación a todos os asistentes ás actividades ao longo do curso, ás persoas e colectivos que realizaron exposicións e obradoiros para centros educativos e a todos os que colaboraron co centro nalgún momento, porque sen todos e todas elas o Espazo Xove non funcionaría.