O Entroido de Salcedo presentou o seu programa oficial

O Entroido de Salcedo, na Pobra do Brollón, celebrarase do 1 ao 4 de marzo con actividades para todos os públicos e co apoio da Xunta de Galicia. A Delegación Territorial acolleu a presentación do cartel do evento, coa participación do delegado, Javier Arias, e do presidente da Asociación Monte Veciñal de Salcedo, Teddy López.
O programa comeza o sábado 1 ás 22.00 horas cunha función de teatro popular e actuacións musicais. O domingo 2 continuarán o festexos a partir das 16.30 horas con novos espectáculos de música e teatro, o pregón a cargo de Juan Fuentes e o desfile das Madamas e Danzantes acompañados dos Disfraces de Campo.
O luns día 3 será a xornada máis destacada coa saída do emblemático Oso de Salcedo, e a celebración continuará ata a noite con animación musical e unha cea popular. O martes día 4, ás 17.30 horas, haberá un espectáculo de maxia a cargo de Trécola Producións. Pechará o programa unha cea popular seguida de baile.
Arias felicitou ao colectivo veciñal de Salcedo por “manter no tempo esta tradición que ten un incuestionable valor histórico, etnográfico e social, e que se converteu nunha cita imprescindible do calendario festivo da provincia”.